ALBERTE GONÇALVES Secretario comarcal da CIG en Vigo

“Non pode haber unidade sindical. Ou cambian moito ou non nos atopamos”

Alberte Gonçalves comeza o seu segundo mandato na CIG Vigo
photo_camera Alberte Gonçalves comeza o seu segundo mandato na CIG Vigo

 Alberte Gonçalves (Vigo, 1962) acaba de ser reelixido como secretario comarcal da CIG en Vigo por unanimidade. Traballa en Biofabri, onde foi presidente do comité de empresa, e sempre tivo tarefas de xestión no sindicato dende que empezou con 26 anos.

Primeiro na federación de químicas, onde foi secretario nacional, e despois, coa unificación có metal para crear a federación de industria, foi secretario de organización. 

Comeza un segundo mandato.
Si, no primeiro empecei á metade porque Serafín Otero dimitíu para presentarse á alcaldía  de Vigo polo BNG. Entonces me propuxeron e me escolleron. Agora xa foi cun congreso.


Hai limitación de mandatos?
Temos tres mandatos. Creo na renovación e estamos pasando un momento no sindicato de renovación xeracional. Entramos agora a segunda fornada pero temos que empezar a introducir nas tarefas de dirección a máis xente nova. Tamén mulleres novas. E non é porque elas non queiran participar, creo que moitas veces os homes exercemos de tapón e como central sindical temos que ser vangarda neso. A executiva comarcal é paritaria pero nas federacións queda moito camiño.


Cando se creou a CIG, Vigo tiña un papel moi relevante, foino perdendo?
Vigo representa casi un terzo do sindicato a nivel nacional, somos unha parte moi importante. En Galicia seremos sobre 70.000 afiliados e 20.000 en Vigo. Nós non lle damos tanta importancia ó peso dende un punto de vista nacionalista, somos pouco localistas. Para min a dimensión do sindicato ten que ser moito máis ampla e nunca se debe antepoñer o peso político por ter máis afiliación. Eso debe valer para ser máis solidarios con aquelas zonas que non teñen tanto peso. Na cornisa atlántica hai unha clara forza da CIG, en toda a zona industrial somos primeira forza, pero en Lugo e Ourense o peso é menor. Parte da acción sindical debemos trasladala a esas zonas para ser solidarios.


Na crise a CIG tomou máis relevancia na rúa.
Hai dous modelos de sindicatos neste país, por unha parte o que representan os sindicatos de corte estatal e nós. Eles defenden un modelo de concertación e de pacto, o noso modelo é máis de confrontación. Neste sistema económico non hai solución para a clase traballadora. Nós aspiramos a outro modelo económico e social e non podemos estar so nunha mesa de negociación e non estar na rúa. Si non hai presión por parte do sindicato na rúa e nas fábricas nunca se vai conquistar nada. Ao longo da historia as cousas se conseguiron coa loita. Que coa crise fomos máis visibles? Creo que seguimos facendo o que fixemos sempre pero que outros son menos visibles. Pero os invito a que se unan, porque xuntos somos máis.


De feito o novo secretario xeral de CC OO de Galicia, Ramón Sarmiento, ten feito unha proposta de unidade sindical e o secretario comarcal de UXG Vigo, no día do congreso, lanzoulle unha proposta directa para ir xuntos. Qué opinión lle merece?
Creo que non se dan as condicións. Temos dous modelos de sindicatos diferentes. Nós cuestionamos este marco de relacións e outros entenden que é o mellor marco posible. Sempre defendimos a unidade de acción sindical porque é boa para a clase traballadora pero non esta unidade de acción que nos están brindando eles. A unidade de acción ten que darse cando nas empresas traballamos xuntos polos convenios, nas movilizacións, cando na rúa estamos xuntos, non estes brindis ao sol. Pero, como vamos estar unidos con CC OO e UXT cando están tódolos días chamando á porta da patronal e do Goberno para sentarse a negociar o pacto social? Cando se fan acordos interconfederais onde se marcan topes salariais? Cando nos están metendo en convenios colectivos a reforma laboral pola vía de atrás? Non pode haber esa unidade sindical neste momento. Ou cambian moito a súa dinámica ou senon non podemos atoparnos. Hai unha cousa que me molestou de Sarmiento o tema de que el non ten mochila. Pois eu digo orgulloso que teño mochila porque estou orgulloso do pasado da CIG. Se agradece a invitación, pero non se dan as condicións.


Cales serían esas condicións? Que tería que cambiar?
Primeiro que romperan con Madrid, por exemplo estes acordos interconfederais de conxelación salarial, tamén a retirada do apoio que fixeron da primeira reforma das pensións. CC OO e UXT terían que retractarse ou polo menos volver atrás para recuperar a liña anterior e haber un cambio de rumbo radical. Eu levo tempo invitándoos a unha folga xeral. Nunca vivimos unha situación tan dramática e me parece escandaloso que como centrais sindicais non estemos dando unha resposta contundente. E esa resposta non se chama doutro xeito que non sexa folga xeral. Si CC OO y UXT dan ese paso nós o debateriamos.


Pero ve difícil sentarse?
Sentarnos si podemos e nalgunhas cousas estamos xuntos. Nos estamos manifestando unha vez ao mes por Carlos e Serafín, dous compañeiros con pena de cadea pola folga de transporte de hai sete anos. Nalgunhas empresas hai unidade, pero a nivel xenérico temos moitos enfrontamentos con CC OO e UXT nas empresas. Eles compiten polo mesmo espacio e nós estamos noutro. Sentarnos si pero chegar a un acordo o vexo complicado. 


Que lle parece o salto do mundo sindical á política?
Como sindicato non somos alleos ao que pasa no mundo e somos parte do movimento nacionalista galego. Defendemos a politización do sindicato. Eu persoalmente proveño do movimiento independentista e creo que o sindicato debe estar politizado, outra cousa é ser correa de transmisión dun partido, ahí non o comparto. Pero que compañeiros e compañeiras decidan dar o salto á política creo que é positivo para o sindicato e para os partidos políticos. Pero que vaia por diante que non é o meu interés.


Foi elixido por unanimidade nunha candidatura de consenso, eso na CIG é máis difícil porque teñen moito debate interno.
Somos un sindicato político, de feito nos nosos congresos se debate moito de política. Entendemos que é bo que existan ese debates que vaian máis alá de negociar un 1% de subida ou traballar unha hora menos porque aspiramos a outro modelo social.


Como foi a afiliación nos últimos anos.
Perdemos, pouco, pero sí perdemos. O que notamos sobre todo foi a baixada de cota, porque temos diferentes tramos e a xente ten reducido cota. Tamén temos un banco de alimentos para a afiliación. 


Segue existindo a caixa de resisitencia?
Si e moi orgullosos que estamos dela. E cada vez engordando máis por desgracia porque baixou a conflitividade con respecto a hai uns anos. Un euro de cada cota vai para a caixa de resistencia pero so está para axudar ós compañeiros e compañeiras en folga para resistir.  Nós sabemos que as folgas se gañan resistindo pero si chega o día cinco e non tes para comer os teus fillos pois queres resistir porque eres moi valente pero non podes. Temos unha cantidade importante de diñeiro. Tamén temos un fondo de solidariedade e tamén cubrimos as multas dos afiliados en caso de folga. Non somos ricos pero temos unha solvencia económica.


Que plans ten para os vindeiros anos no sindicato?
Teño dúas metas, unha en clave externa e outra interna. Nesta última creo que hai que seguir cohesionando a central sindical e seguir traballando na formación interna. Cara a fóra seguir mantendo a liña de conflito. Si aumentamos o nivel de presión na rúa podemos facer que os gobernos cambien de políticas. Debemos incrementar a loita na rúa. E debemos seguir porque temos medios, temos forza e somos o exército máis grande que ten a esquerda neste país. 

Te puede interesar