división de honra xuvenil

O Areosa atopa o camiño ante o Val Miñor

O Areosa superou onte ó Val Miñor no campo da Xunqueira.
photo_camera O Areosa superou onte ó Val Miñor no campo da Xunqueira.

O equipo vigués supera ó de Nigrán tras aproveitar unha gran primeira metade 

Partido de rivalidade onde o Areosa atopou o camiño cara a vitoria e o Val Miñor asinou un encontro de baixo nivel, especialmente na faceta defensiva, que lastrou ó equipo dirixido por Álex Villar.
O sistema táctico da formación de Nigrán tiña como misión limitar a saída do balón do equipo local para evitar a chegada do esférico con claridade ás posicións de ataque, onde dispón de maiores recursos. Non obstante, os xogadores do Val Miñor estiveron lonxe de executar con acerto os plans previstos e o Areosa superou unha e outra vez a primeira liña rival para pisar área contraria con frecuencia. Deste xeito, chegou o primeiro tanto nunha acción que culminou o extremo Óscar. 
No minuto anterior ó descanso chegou o segundo gol do equipo local, nunha acción colectiva -na que o Val Miñor pediu falta no inicio da acción- que rematou en penalti. Enviouno ó fondo da rede Guille antes de marchar ó vestiario. 
Ata tres trocos realizou o Val Miñor no descanso para tratar de mudar a dinámica do equipo e do partido. Acadouno en parte porque comezou a chegar máis á portería contraria e, sobre todo, parou o ataque continuado do Areosa. 
Pola súa banda, a formación local tratou de manter a vantaxe de dous tantos e, en certo modo, atrasou liñas para evitar desgustos porque xa ten perdido puntos en máis dunha ocasión ante o seu público. 
O tanto visitante chegou a falta dun cuarto de hora nunha falta lateral que rematou Jovan Bajcetic ó fondo da rede. O tanto poñía algo de suspense ó último cuarto de hora no campo da Xunqueira, pero non chegaron goles. 
A vitoria permite ó Areosa evitar caer á zona de descenso nunha xornada na que puntuaron moitos equipos da zona baixa. Pola súa banda, a formación de Nigrán queda na metade da táboa e comeza a esquecerse dos postos altos, para pensar en manter a categoría sen problemas. Ocupa a oitava posición na táboa.

Areosa:
Pachi, Pacheco (Sergio A., min. 88), Expósito, Cifu, Guille, Arnosi, Antón (Brais, min. 85), Santi, Diego (Joao, min. 70), Óscar, Samu. 
Val Miñor: 
Raúl, Marcos, Brais, Trapero, Alberto, Jovan, Manu (Ares, min. 46), Marquitos, Ezpeleta, Acuña (Xoel, min. 58), Adri (Toti, min. 46). 
Goles:
1-0, min. 10: Óscar; 2-0, min. 44: Guille, de penalti; 2-1, min. 73: Jovan Bajcetic. 
Árbitro: 
David Pérez Pallas. Non amosou cartóns. 
Incidencias:
Partido correspondente á sétima xornada disputado no campo vigués da Xunqueira. 

Te puede interesar