campionato galego de traiñeiras

Tres segundos para a vitoria de Cabo

Cabo da Cruz (de vermello) e Tirán Pereira protagonizaron o Campionato Galego de traiñeiras que gañou a                                                  embarcación de Boiro por tres segundos.
photo_camera Cabo da Cruz (de vermello) e Tirán Pereira protagonizaron o Campionato Galego de traiñeiras que gañou a embarcación de Boiro por tres segundos.

A traiñeira de Boiro superou a Tirán nunha regata abafante polo calor e a falta de vento e de moita igualdade, mentres que Samertolameu pechou o podio

Triplete de Cabo da Cruz. Un día gaña Tirán e ó seguinte o bote de Boiro. É a rivalidade que vive o remo galego na Liga ACT e no campionato autonómico dos últimos anos. Dúas embarcacións por enriba de toda a flota que compón a Liga Galega de Traiñeiras.
Onte a vitoria parcial foi para os remeiros de Gustavo Vázquez por un escaso marxe de tres segundos. Sobre un mar en absoluta calma e unha mañá abafante no porto de Meira, as tripulacións saíron ó mar coa intención de completar con velocidade o campo de regatas de Meira. As condicións eran as perfectas para sacar toda a velocidade posible porque a Ría de Vigo parecía unha lagoa absolutamente chá. A organización tivo un ollo un pouco xusto co campo de regatas ó facelo máis pequeno do habitual e o cronómetro así o indicou. A embarcación de Boiro e a de Tirán estiveron nos dezaoito minutos e medio, sinal dunha proba eléctrica. 
As dúas embarcación vogaron na quenda de honra e a primeira ceavoga xa marcou que o título autonómico ía estar en poucos segundos. O bote de Boiro meteu a proa un segundo antes que a de Moaña. No segundo longo, o cronómetro indicou que a distancia entre as dúas traiñeiras estaba nos tres segundos, pero a virada dos moañeses reduciu as diferenzas.
Pola súa banda, Samertolameu, que atravesou varias xornadas cun menor rendemento do previsto, recuperou a forza na casa cunha regata de nivel e, de novo, condicionada. No primeiro longo o piqueiro tivo que parar de vogar para limpar unha bolsa de sucidade que quedou na proa e freaba o bote de Meira. Se loitar coas embarcacións de ACT era complicado, agora quedou descartado. Iso si, Meira vogou con calidade e sacou máis de quince segundos á cuarta embarcación, que foi Puebla. 
Nesa marxe de dous segundos a regata íase decidir. Podería ser para Cabo da Cruz ou para Tirán Pereira e, ó final, marchou por terceiro ano consecutivo para Boiro e tras un derradeiro longo, outra vez, de gran nivel. Os dous barcos tiveron que buscar o máximo dos seus remeiros. A derrota non rematou se sentar de todo ben en Tirán porque "un sempre quere gañar" como repetiron varios remeiros. Pero os propios deportistas recoñeceron que estiveron ó mellor nivel e que a embarcación do Barbanza foi mellor onte. 
Samertolameu, con boas sensacións, rematou na terceira praza e detrás abriuse un treito enorme. Puebla rematou cuarto e Ares quinto, no mesmo orde no que marcha a Liga Galega de Traiñeiras A. Pola súa banda, Chapela gañou a Coruxo, que onte non apostou polos mellores remeiros. Rianxo, Vila de Cangas e Cedeira pecharon o Campionato Galego masculino. 

Categoría feminina
Por outra banda, Meira tamén acolleu o Campionato Galego feminino coa prevista superioridade de Cabo da Cruz. O barco de Boiro revalidou o título autonómico sen dificultade e comezou o camiño do día grande de Boiro, que despois completaron os homes da entidade. Chapela entrou a vinte segundos da gañadora.

Te puede interesar