celta

A Voz do Celta colga o micrófono

Xaime Escudeiro .
photo_camera Xaime Escudeiro .

Xaime Escudeiro está a piques de acabar unha carreira de 30 anos cheos de historias, lembranzas e xornalismo

Frank Sinatra naceu en 1915 en Hoboken (Nova Yersey) e convertéuse nunha das grandes figuras da música no século XX, con cancións icónicas nas que daba renda solta ó seu poderío vogal. Xaime Escudeiro naceu en 1953, na parroquia de Painceiros, en Campo Lameiro. Non ten ollos azuis, nin unha planta imponente, nin cantou nos mellores escenarios. Nembargantes, ten algo en común con 'Frankie ollos azuis'. Xaime tamén é 'a Voz'. A Voz galega do Celta. Ó longo de máis de 30 anos contou no idioma do país todo o que sucedeu arredor do clube vigués. Tres décadas con ascensos, descensos, competicións europeas. Ledicias e tristuras... 30 anos de xornalismo.
"De repente tes todo o día para facer cousas que antes non podías", afirma Escudeiro que, a piques de xubilarse, leva tres meses amolado por unha rotura de calcaño nunha caída. Tras pasar uns meses no paro e outros convalecente, Xaime confesa que é capaz de "desconectar" dos deportes cunha excepción. "Vin todos os partidos do Celta dende o sofá. O equipo non me transmite sensacións convincentes", recoñece mentres bota unha ollada a tempos mellores: "O equipo da Champions era tremendo, pero tamén me quedo co de Berizzo, que acadou tres semifinais sen ter xogadores tan bos".
Unha traxectoria que se iniciou por casualidade. En 1985, Xaime era mestre: daba clase no colexio San Fermín de, entre outras materias, eduación física. Mentres, os seus cuñados xogaban ó fútbol no Liréns, de Terceira Autonómica. O falecemento do adestrador do equipo deu cos seus osos no banco do equipo. Sen sabelo, era o seu primero paso no xornalismo. Os domingos, enviaba os resultados do equipo a un xornal, despois crónicas. E de aí, a Radio Noroeste. Unha viaxe ó Bernabéu co Celta valéulle unha chamada de Xesús Lodeiro, o Xefe de Deportes da Radio Galega. Xaime xa estaba na súa casa. Un Celta-Valencia en xaneiro do 87 foi o primeiro de centos de partidos. De súpeto, o xornalismo xa era demasiado profesional coma para compatibilizalo coa ensinanza. Había que elixir. O ascenso do Celta ese mesmo ano facilitou a decisión. "Colin Addison mandóume subir o bus e fun con eles no festexo pola cidade. Iso me fixo ter claro que non me trabucaba", lembra.
Así comezaba unha traxectoria profesional sempre marcada pola cercanía e a conciliación. Xaime navega entre todo tipo de lembranzas. A tristura do accidente de Alvelo e o asesinato de Quinocho misturadas coa época dourada daquel "equipazo" que xogou en Europa. Eran tempos nos que o xornalismo non precisaba de polémicas. "Antes estabamos a carón dos xogadores, Mostovoi, Karpin, Gustavo López… tiñas unha cercanía que agora non tes. Facía todo máis doado porque dábache un coñecemento máis profundo. Agora non hai contacto e todo é máis complicado", comenta Escudeiro, que lembra que no falso ascenso de Xérez do 2005 –unha aliñación indebida de Toni Moral retrasou dúas semanas a volta a Primeira– os xogadores o meteron na ducha. "Os profesionais  alonxáronse e non doe tanto por nós como polos siareiros. Pasas dun Borja Oubiña debutante en Highbury na Champions, sen problema para dar entrevistas a unha clasificación histórica para semifinais de Europa League en Genk e nin o presidente, nin o director xeral queren falar, e os xogadores veñen obrigados. Queres transimitir a felicidade e non podes. Da pena pola xente", reflexiona Xaime sobre as diferencias dos tempos de antes cos actuais.
"O xornalismo deportivo seguiu o camiño doutros ámbitos e agora parece que hai que buscar, con perdón, a merda". Xaime avalía o devenir da súa profesión e o momento actual con autocrítica. "Semella que algúns van ás tertulias coa consigna de meter o dedo na ferida para levantar polémicas", engade xusto antes de sentenciar que o vehículo non é tan importante como as intencións: "É como as redes sociais. Mal empregadas fan moito dano, pero ben, son unha ferramenta valiosa". Ó final, sempre saen conclusións positivas con Xaime Escudeiro. É unha constante con él. Despois de 30 anos e a poucos meses para xubilarse, deu cos seus osos na cola do paro e, sen embargo, non hai nin media mala palabra. Nin rastro de rancor. "Tódolos Xefes de Deportes que tiven sempre quixeron chegar a todo. Tratamos de facelo o mellor posible e se segue facendo", apunta o xornalista, que ten claro a vocación de servicio dun medio público galego: "Hai que transmitir deportes en galego, que os privados non poden por temas de presuposto. Se cadra, en galego non colleitan publicidade, pero inda así penso que faltou valentía para atreverse co idioma, como si a houbo en Catalunya e no País Vasco".
Coa retirada de Escudeiro, o xornalismo perde un bastión de conciliación en tempos de guerra. Pero sobre todo, perde unha boa persoa, que sempre tivo un sorriso ou unha man para quen lla pediu. Por iso é tan querido. "Podo presumir de facer o que quixen e inda por riba cobrar. Fixen moitos amigos na profesión, con deportistas, con dirixentes", proclama mentres defende a o xornalismo nestes tempos, nos que sempre está baixo sospeita: "É unha profesión marabillosa. Se empregamos ben os medios que temos e os deportistas nos axudan, podemos levarlle ás persoas algo que non poden vivir por elas mesmas. E temos que aproveitalo. De forma honesta e transparente", conclúe Xaime coa emoción no seu rostro.  Coma sempre, con mensaxes positivas. Coma sempre, co seu estilo. Coma 'Frankie ollos azuis', a Voz do Celta en galego sempre o fixo "á súa maneira". n

Te puede interesar