rugby

Vitoria, que precisa explicación

David Riveiro realiza un pase no partido de onte ante o Bera Bera tras levantar un agrupamento durante unha sucesión de ataque.
photo_camera David Riveiro realiza un pase no partido de onte ante o Bera Bera tras levantar un agrupamento durante unha sucesión de ataque.

O Kaleido Vigo Rugby derrota ó Bera Bera, segundo clasificado, no mellor partido da tempada no seu campo

Para tratar de comprender a vitoria do Kaleido Universidade de Vigo no partido de onte ante o Bera Bera nas Lagoas sería preciso realizar unha argumentación detallada, lenta, longa e con múltiples factores. En caso de facela, a única conclusión posible é a propia carencia de explicación e soamente entendible por un deses funcionamentos incomprensibles do deporte no que o rendemento de dous equipos muda ó comleto nunha tarde sobre o lameiro vigués. 
Soamente así pódese entender que o Vigo Rugby volvera a un nivel igual ou incluso superior ó amosado no inicio da tempada. A dificultade está marcada porque, a pesar de recuperar xogadores, continúa sen saltar ó céspede Maka Tatafu, o factor diferencial. O equipo -polo rendemento amosado- que xogou onte ante o Bera Bera gañaría de corenta puntos ó mesmo Kaleido Vigo que perdeu ante o Bilbao e o Eibar e que gañou ó Durango. 
Porque na tarde de onte a formación de Norm Maxwell realizou unha defensa que neutralizou ó segundo clasificado ata o punto de conceder 13 puntos cun único ensaio. Unha circunstancia que non se recordaba sobre o céspede universitario. Foi un traballo de grupo, con eficacia nas placaxes, apoios en segunda liña, claridade nos agrupamentos e soamente certas dificultades no 'maul'. 
Xa en ataque, e sen o factor decisivo de Tatafu, o equipo vigués xogou con calma, non desesperou nos erros, realizou apoios para manter o oval e, coas súas limitacións, xogou o preciso para asinar dous ensaios e ter opcións dalgún máis, pero todo non se pode ter.
Adiantouse o equipo vasco cun golpe pasado o décimo minuto de partido e chegou a resposta local co ensaio de Antón tras golpe de castigo, saque de lateral e ataque polo eixo ata concentrar a defensa para gañar a superioridade polo lado pechado. 
No desconto do primeiro tempo, o Vigo Rugby optou por xogar á man un golpe de castigo. A decisión parecía un erro cando chegou a perda do oval, pero o equipo vasco, cun mal pase, e Uru, cunha xogada de pillabán, arranxaron a acción para os locais. Roubo de pase e carreira para o ensaio co tempo cumprido. O 12-3 ó descanso era positivo. 
Tivo que defender e moito o Vigo Rugby no segundo acto. Pasou momentos de apuros na defensa, como tamén os tivo o Bera Bera, pero aguantou para un 15-13 final ante o segundo clasificado. Todo hai que dicilo, con accésit especial para o visitante Víctor Gómez, que foi expulsado (min. 64) por tomar vinganza contra Carlos López a tres metros do árbitro. Imposible ignorar os seus golpes.

Kaleido Universidade de Vigo:
Sito Moure, Tito Prieto, Marcos Muñiz, Carlos López, Marcos Vicente, Salgado (Giordano, min. 52), Bargiela, Antón; Riveiro, Silla; Valentín Gutiérrez, Koldo Barandiarán, Abadía, Santi Gutiérrez, Uruburo. 
Bera Bera:
Gómez (García de la Peña, min. 62), Navarro (Lepre, min. 62), Marcos Benito, Escribano, Almecija (Sarasola, min. 58), Atangana (Errandonea, min. 48), Gorrotxategi, Víctor Gómez; Arrizabalaga (Gorka Bueno, min. 62), Unamuno (Arias, min. 52); Bayón, Javier Martín, Alconchel, Ayala, Eduardo Martín. 
Anotaciones:
0-3, min. 14: golpe de Javi Martín; 5-3, min. 14: ensaio de Antón Díaz; 12-3, min. 40: ensaio de Uruburo, que pasa Silla; 12-6, min. 55: golpe de Javi Martín; 15-6, min. 58: golpe de Silla; 15-13, min. 74: ensaio de Eduardo Martín, que pasa Javi Martín.
Árbitro:
Jorge García. Amosou amarela -dez minutos de exclusión- a Carlos López (min. 64) e Muñiz (min. 67). Expulsión definitiva por dúas amarelas  ó visitante Víctor Gómez (min. 28 e min. 64).

Te puede interesar