traiñeiras

Unha vitoria para a historia cun migallo de fortuna

Mecos, Perillo e Mar de Bueu vogaron onte na quenda de honra nas augas de O Vao.
photo_camera Mecos, Perillo e Mar de Bueu vogaron onte na quenda de honra nas augas de O Vao.

Coruxo, dende a segunda quenda, logra no Vao a súa primeira Bandeira Concello de Vigo

Bágoas de ledicia para Coruxo e gritos de impotencia na traiñeira de Bueu. A "Fontaíña" desbordou felicidade e paseouse polas augas do Vao coa Bandeira Concello de Vigo a bordo mentres que a "Maruxía" recibiu algún que outro golpe de máis. 
Foron as dúas caras da moeda na regata de onte vivida en O Vao e coa organización de Coruxo. A entidade viguesa, tras realizar unha magnífica regata contrarreloxo, levantou a segunda bandeira da súa historia e a primeira co nome de Concello de Vigo. Para logralo, contou coa inestimable axuda do patrón e o piqueiro de Bueu que, na derradeira baliza, a menos dun minutos para a chegada debaixo da ponte de Toralla, deixaron a baliza por estribor e afundiron unha probable vitoria que se ía decidir en cuestión de milésimas. 
A segunda categoría do remo galego vive unha tempada de emocións, alternancia, imprevistos e competición de enorme beleza. Catro tripulacións saltan en cada proba coa intención e a esperanza de levarse a vitoria e, probablemente, ni elas mesmas teñen idea que por onde sairá a proba. Na de onte, viviuse unha desas xornadas de cronómetro en man e moito suspense. Coruxo, cuarto na véspera en Rianxo, quedou 'castigado' á quenda intermedia e a facer unha loita en soidade e contrarreloxo para tentar acadar a vitoria. Así o fixo e, a continuación, a tripulación tivo que esperar sobre a "Fontaíña" o resultado final. 
Mecos, líder da xeral, Perillo e Mar de Bueu realizaron unha regata de proa con proa. Sempre en menos de dez segundos e, tamén, sempre por enriba dos parciais establecidos polo bote local. Na primeira manobra de virada, Coruxo dispoñía dunha renda de tres segundos, neste caso sobre Mecos. Na segunda baliza a renda era de cinco, neste caso sobre Perillo. Na terceira, o bote coruñés pasou a un segundo de Coruxo, Mecos comezaba a ceder e Mar de Bueu reducía perigosamente distancias. No terceiro rego consolidouse esta situación e no paso por debaixo da ponte de Toralla a "Maruxía" metía a proa diante do bote de Oleiros e, ambos, calcaban os tempos de Coruxo. 
Entón, enfilaron a derradeira baliza, situada a menos dun minuto da chegada. A vitoria na regata ía decidirse por milésimas. O patrón de Bueu, esperanzado en medio da remontada, enfilou a boia con decisión. Apurou de máis e mandou o meter a pica o remeiro de proa. O piqueiro tamén careceu de visión estratéxica. A case duascentas pulsacións tamén quería a vitoria, apostou e a baliza quedou polo banda de estribor. Regata ó lixo.
Os remeiros de Coruxo quedaron aliviados pero aínda tiña que cruzar a chegada Perillo, que navegaba case ó par de Bueu e nos mesmos tempos que o bote vigués ó longo de case toda a regata. Os de Oleiros pasaron pola ponte de Toralla e os xuíces tardaron uns minutos en deliberar. Vitoria para Coruxo, Perillo a un segundo, Mecos terceiro e Bueu, que estaba chamada a levantar a bandeira, no cuarto posto e con berros de impotencia que se escoitaron case en Samil. 
Con algo de fortuna, pero cun vogar de alto nivel, Coruxo levantou a Bandeira Concello de Vigo por primeira vez na súa historia e na súa casa. Un día de gloria para a "Fontaíña". Segunda praza na xeral a un punto de Mecos.n

Te puede interesar