terceira división

Un punto un chisco escaso

Un futbolista da UD Ourense saca o balón ante o intento de remate de Comis.
photo_camera Un futbolista da UD Ourense saca o balón ante o intento de remate de Comis.

O Choco, entre lesións e ocasións erradas no treito final, empatou ante a UD Ourense 

Sensación de facer ben as cousas e estar nun camiño correcto de xogo, pero tamén co sabor de deixarse a vitoria por cinco minutos malos. Deste xeito rematou o Choco o partido de onte en Santa Mariña ante a UD Ourense, que loita pola zona alta. 
O equipo redondelán volveu a amosar que no seu terreo de xogo é unha das formacións máis fortes da categoría. No que vai de tempada, ningún equipo visitante acadou a vitoria en Santa Mariña e onte foi un novo exemplo. Saltou mellor ó terreo de xogo o equipo foráneo, pero ós dez minutos o Choco xa atopou o balón e as sensacións. Félix marcou a primeira opción clara de gol para os locais e, acto seguido, errou o que podería ser o segundo tanto. 
A UD Ourense tivo chegadas no inicio de partido e despois desapareceu ata instantes antes do descanso cando enviaron unha falta lateral ó area. Producíronse dous rexeites e Víctor Nieves atopou o esférico para envialo ó fondo da rede e, como as malas novas non chegan soas, mancouse o mediocentro e central por necesidade Alberto Suárez. 
Saltou o local Nacho ó terreo de xogo e ós dous minutos da reanudación, Hugo García puxo o segundo tanto visitante. Un golpe duro para os locais. O Choco recuperouse e buscou o empate, que chegou por medio de Gabri Palmás. Tamén gozou de ocasións para facerse cos tres puntos, pero o propio Gabri enviou ó longueiro e o atacante errou un man a man ó igual que Antón Vilas. Opcións para a vitoria, que non acertou a culminar a formación local.

Choco: 
Cortegoso, Lazcano, Alberto Suárez (Nacho, min. 46), Samu Santos, Caloi (Joao, min. 83), Comis, Gabi Misa, Gabri Palmás, Félix, Cora (Vilas, min. 71).
UD Ourense: 
Pato Guillén, Gómez, Pablo Álvarez, Nieves, José Rodríguez, Germán, Magisano (Adrián Rodríguez, min. 59), Presas (Fondevila, min. 78), Rubén Rodríguez (Luis, min. 70), Marcos Alonso, Hugo García.
Goles: 
1-0, min. 15: Félix; 1-1, min. 45: Víctor Nieves; 1-2, min. 47: Hugo García; 2-2, min. 59: Gabri Palmás. 
Árbitro: 
Alexandre López Vila. Amonestou  a Alberto e Gabi Misa, do Choco, e a Nieves e Adrián Rodríguez, da UD Ourense. 

Te puede interesar