balonmano

Un Porriño solvente

Cecilia Cacheda liderou o ataque do Balonmán Porriño ó anotar oito goles.
photo_camera Cecilia Cacheda liderou o ataque do Balonmán Porriño ó anotar oito goles.

O equipo de Abel Estévez gañou con claridade ó Valencia e hoxe mídese ó Mavi (19:00)

O Godoy Maceira Porriño comezou onte a súa participación na Copa da Raíña de balonmán cunha vitoria moi solvente ante o equipo máis débil da competición, o Canyamelar Valencia. A formación dirixida por Abel Estévez mandou dende o inicio do partido cunha recuperada Alba Dapena no centro da defensa. A partir de limitar o seu rival encadeou ataques continuos con velocidade baixo o mando dunha inspirada Ceci Cacheda, que rematou o encontro con oito goles. 
Con celeridade, o equipo da Louriña obtivo tres tantos de renda que foi estirando pouco a puco ata chegar ó descanso con sete de vantaxe, o que xa deixaba o enfrontamento moi decantado. 
Tres tantos de Judith Gómez deron aire ó Valencia no comezo do segundo acto ata que as xogadoras de Abel Estévez volveron a axustar a defensa e a correr. Ceci Cacheda volveu a tomar o mando en ataque e estivo acompañada por Sandra López dende o extremo. Co 14-24 tras un 0-3 do Porriño, o equipo valenciano parou o partido, pero xa estaba a eliminatoria resolta. Abel Estévez e as súas xogadoras tiñan un pé e medio na final. 
De feito, os últimos minutos quedaron para facer rotacións e conservar forzas para a semifinal de hoxe. Co duelo resolto, Cacheda e Sarai Samartín quedaron no banco e saiu á pista a segunda unidade do Porriño e incluso a terceira nos últimos minutos cando a xuvenil Aitana Santomé pasou a dirixir o equipo como central, con Danilza Liranzo e Iasmin dos Santos nos laterais e outra das cativas, Alicia Campo, no pivote. 

Lesión de Babi Cerqueira
A nota negativa do encontro foi a lesión por fratura nun dedo da man de Babi Cerqueira. Non poderá xogar hoxe. A pivote é unha peza chave na defensa do Porriño.

Canyamelar Valencia (9+13):
Elisa Requena, Nitsan Dunay, María Pérez (2), Alicia I. Asencio (2), Beatriz Herreros, Stephania Oliveira (1), Descalzo (1), Silvia Prosper (1), Sara Bravo, Esterri, Judith Gómez (6), Mendía Ibáñez (2), María Amparo Aguas, Rubio (2), Nagore Sáenz (4), Laura Morais (1), Alba Bastida
Godoy Maceira Porriño (17+15):
Ayelen (p), Babi Rodrigues (1), Sara Gil de la Vega (2), Cecilia Cacheda (8), Fátima Ayelen, Alba Dapena (3), Sandra López (4), Gemma Martínez (1), Sarai Samartín (6), Natalia Martínez (1), Danilza Liranzo, Iasmin dos Santos (1), Aitana Santomé (2), Andrea Fernández, Ana Alonso, Alicia Campos (3), Begoña Otero (p.s.).
Parciais:
1-3, 3-6, 5-8. 5-9, 7-13, 9-16 (desc.), 11-18, 12-19, 14-23, 18-25, 19-28, 22-32.
Árbitros:
Alberto Murillo e Sebastián Fernández. Excluíron a Babi Cerqueira e Alba Dapena polo Porriño. Sen exclusións no Valencia. 
Incidencias:
Cuartos de final da Copa da Raíña de balonmán. 

Te puede interesar