traiñeiras liga act

Un golpe duro en Meira

A tripulación de Samertolameu, nunha regata da presente tempada.
photo_camera A tripulación de Samertolameu, nunha regata da presente tempada.

Lisardo Pérez recoñece que non ascender "é difícil de asimilar porque a oportunidade era boa"

Un dos resultados máis complicados de asumir para a directiva, o corpo técnico e os remeiros de Samertolameu. "A Terca" quedou o pasado domingo a 44 centésimas do ascenso a Liga ACT. Por segundo ano consecutivo finalizan na terceira posición no 'play-off' con dúas prazas en xogo. En toda a historia do club "é a terceira vez que perdemos a promoción por centésimas", indica con resignación o presidente, Lisardo Pérez. 
Nesta ocasión, os feitos aínda causan un pouco máis de consternación. "É difícil de asimilar porque miras que a oportunidade deste ano era moi boa. Non se podía deixar atrás porque había equipo para estar aí. Deportivamente pode pasar, é algo que jode, que rompe ós remeiros durante un tempo, pero é deporte. É preciso estar nas boas e nas malas. Agora temos que conformarnos con mellorar", explicou o mandatario. 
O dirixente analiza as dúas regatas e explica que as saídas, algo lentas, foron chave, pero tamén marcan o estilo do seu barco. "Nós íamos con ilusión de facer un bo papel e subir á ACT. En Bermeo xa foi o primeiro longo moi duro e perdemos uns segundos que foron chave. Se estiveramos cun tempo máis asequible, seguro que ascendemos", expresou. Non obstante, nesa regata de sábado o barco moañés marcou o segundo mellor rexistro e "ó domingo tiña que saír todo mal. Era case imposible que quedaramos fóra cunha regata normal, pero foi todo en contra", manifesta o dirixente. 
Ó final, Lekitarra e Astillero gañaron a praza na máxima categoría. Samertolameu empatou a puntos co barco cántabro e quedou na terceira praza por menos de medio segundo na suma de dúas regatas. Un varapalo porque "o obxectivo principal era o ascenso. Da tempada, non temos nada que decir. Foi moi boa. Entre os remeiros, o adestrador e a directiva, o ambiente creado resultou perfecto". 
Agora, Samertolameu ten que comezar a planificar a vindeira tempada na Liga Galega. De novo buscará o ascenso e terá como un dos principais rivais a Tirán Pereira, o barco veciño. A idea da directiva presidida por Lisardo Pérez é que "continúe Dani Pérez como adestrador,  manter ó máximo posible o equipo e darlle paso á mocidade. Temos que aproveitar que a temos. Deben vogar cos veteranos para que poidan coller a experiencia necesaria e, dentro dun par de anos, poidan ser remeiros bos para nós".
De feito, entre os aspectos positivos do curso o mandatario explica que "xa tivemos varios rapaces de primeiro ano de sénior e algúns fixeron as súas regatas, con vitorias. Agora tamén veñen os xuvenís, que foron segundos de España en traiñeiriñas. Temos que mantelos porque serán uns bos remeiros".n

Te puede interesar