traiñeiras

Tristura moañesa na despedida

Tirán Pereira vogou onte no primeiro carreiro e pechou a regata para finalizar a tempada na sétima praza.
photo_camera Tirán Pereira vogou onte no primeiro carreiro e pechou a regata para finalizar a tempada na sétima praza.

Samertolameu queda sen ascenso e Tirán Pereira pecha a regata na última proba da tempada da liga ACT

Un día decisivo para Samertolameu de Meira e a despedida da tempada para Tirán Pereira lonxe dos mellores resultados de ambos pero con sensación diferente. A "Mar do Con" tiña cumprida a tempada e "A Terca" quedou un paso por detrás dos principais rivais polo ascenso na regata máis importante do ano. 
Samertolameu tiña un papel moi duro tras a xornada do sábado en Bermeo, onde asinou a terceira posición. Iso si, moi preto, a menos de seis segundos, de Santurtzi e Donostiarra. Un resultado preocupante, pero que ofrecía certa esperanza ós remeiros de Dani Pérez de loitar por estar na máxima categoría do remo galego a vindeira tempada. 
Era a misión do equipo de Meira ó comezar o curso e estaban ante a súa gran posibilidade, pero na primeira baliza as súas opcións xa estaban camiño do lixo. "A Terca" buscou un primeiro longo forte para tentar tomar a cabeza da regata e meter presión os seus rivais na regata de Portugalete, disputada sobre a calma habitual, pero contra vento e marea no primeiro e terceiro longo e a favor no segundo e cuarto. 
Unha cousa é o que tratou de atopar Meira e outra a realidade. O cronómetro estableceu que os seus dous rivais vascos volvían a estar un punto por enriba. A diferencia era pequena, pero falaba de catro e seis segundos. Distancia dura para tratar de recortar e tamén no aspecto psicolóxico. Samertolameu tiña que gañar a quenda para optar ó ascenso, e pasaba pola baliza co terceiro tempo.
Buscou unha reacción e os remeiros da "Terca" fixeron toda a regata sen afrouxar unha pa, pero a distancia nunca foi a  menos. En ocasións mantívose e en ocasións medrou ata entrar a nove segundos de Santurtzi -a gran sorpresa deste 'play-off'- e a oito de Donostiarra. Un pasiño por detrás do nivel necesario para vogar en 2018 na Liga ACT nunha campaña onde subir estaba moi caro, especialmente caro. De feito, onte Samertolameu meteu quince segundos a Ares, que pechou a tempada na undécima posición da Euskolabel Liga, iso serviría para o ascenso na maioría das promocións de ascenso da historia da ACT.
Samertolameu realizou unha tempada notable, sen dúbida a mellor dos últimos anos e cun nivel deportivo moi alto, pero insuficiente para o ascenso. En ocasións, non chega con cumprir co teu traballo, precisas máis.

A despedida de Tirán
José Ángel Cambados 'Truco', adestrador de Tirán Pereira, utilizou as dúas últimas regatas da competición para ofrecer competicións a algúns remeiros con menos participación este curso, aínda que optou por montar onte unha tripulación con certas garantías deportivas. Non obstante, o sorteo de balizas impediu calquera boa actuación da "Mar do Con". 
No azar do campo de regatas de Portugalete, onte coincidiu coa marea en ascenso e iso converte o primeiro carreiro nun buraco negro onde o primeiro e o terceiro longo son unha parede. Tirán vogou por aí e antes da regata xa sabían que, salvo catástrofe doutro barco, a última posición era o resultado para a "Mar do Con". O curso remata cunha sétima posición de mérito tras a marcha de remeiros ó principio da tempada, os cambios e dispoñer dun equipo con escasos efectivos.
Agora comeza un tempo de reflexión para o club moañés, con eleccións a presidente a as marchas anunciadas do adestrador e do patrón David Álvarez. Toca moito traballo para manter unha traiñeira de nivel.

Título de Urdaibai
Dous puntos separaban a Urdaibai e Hondarribia ó comezo da regata de onte e a Euskolabel Liga xa estaba de camiño a Bermeo tralo sorteo de carreiros. Ó líder tiña que vogar pola autoestrada da terceira rúa e o seu rival pola primeira. A emoción non existiu porque a marea fixo o traballo previsto. No primeiro rego Hondarribia xa perdía quince segundos. A liga debe pensar se o campión da competición pode escollelo un campo de regatas.n

Te puede interesar