liga act

Tirán, como a formiguiña

Trala fin de semana en Guipuscoa, Tirán voltou a casa con dous puntos menos de desvantaxe con San Juan.
photo_camera Trala fin de semana en Guipuscoa, Tirán voltou a casa con dous puntos menos de desvantaxe con San Juan.

A "Mar do Con" recurta punto a punto a San Juan, á que batiu por terceira vez consecutiva

Tirán vai á alza. A "Mar do Con" consolidou onte a súa tendencia ascendente na Bandeira de Orio e voltou a superar a San Juan por terceira regata consecutiva. O barco morracense regresou onte a casa a dous puntos menos do seu rival directo por evitar o descenso dos que tiña o venres –fica a sete unidades–, cando chegou a Guipuscoa. Tanto en Pasaia o sábado, como en Orio onte, os homes de Benjamín Vázquez amosaron que a súa mellora vai en serio e incluso quedaron a piques de acadar resultados inda mellores.
Onte voltaron bogar na primeira quenda e de novo a competición reduciuse a un man a man con San Juan. Un Cabo da Cruz espectacular resarciuse da súa mala actuación o sábado para levar a quenda con autoridade e cun gran tempo que lle permitiu rematar en cuarta posición, por diante da mesmísima Hondarribia. Orio saíu vencedora da súa propia regata nun final espectacular no que lle remontou tres segundos a Zierbena en 300 metros para rematar gañando por 18 centésimas ó barco do vigués Juan Zunzunegui. Quebrouse así o dominio de Urdaibai que, inda que rematou terceira, volveu a picarlle un punto a Hondarribia, o seu rival directo pola liga.
Foi una regata moi marcada pola entrada das ondas de costado, nun campo novo que se estreaba para a ocasión –anteriormente desputábase esta bandeira na desembocadura do río e este curso pasou a mar aberto–. Tirán remou de menos a máis. Comezou perdendo case catro segundos con San Juan, pero xa na segunda ciaboga ambas traiñeiras marcaban o mesmo tempo (10:05). Na segunda metade da proba, a "Mar do Con" tirou ata rematar terceira. Desta volta, e o contrario co sábado, non tivo opcións de botarlle man a San Pedro, nin moito menos a Cabo, que aproveitou que entraban as ondas polo seu carreiro –o catro– para establecer un espectacular 19:54.20 que lle permitiu conquistar a cuarta praza na bandeira.
As malas novas para o barco de Moaña chegaron na segunda quenda. Ondarroa e Kaiku foron peores que San Pedro, que acadou a oitava praza e meteulle a Tirán tres puntos máis na xeral, o que dilue case por completo as posibilidades da traiñeira da ría viguesa de eludir tamén a promoción de descenso.
Pero a máxima emoción quedou para a quenda de honra. Orio, que reservou homes o sábado, bogou polo carreiro catro. Nun final de infarto con Zierbena, que parecía ter no peto a vitoria final, a "San Nikolás" apretou os dentes, aproveitou as ondas e recurtoulle tres segundos ó barco adestrado polo vigués Juan Zunzunegui nos últimos 300 metros. O 'vídeo finish' certificou a vitoria local por só 18 centésimas. Urdaibai, que ficou sen gañar por primeira vez nesta tempada, firmou un terceiro posto que, xunto co quinto final de Hondarribia, serviulle para sumar dous puntos máis de vantaxe na xeral.n

Te puede interesar