traiñeiras

Tirán busca o milagre do Con para a salvación

Tirán Pereira toma unha baliza nunha regata da presente tempada.
photo_camera Tirán Pereira toma unha baliza nunha regata da presente tempada.

Benji Vázquez admite as dificultades e espera aproveitar o feito de vogar na casa

Dúas regatas e unha na casa, ante o seu público. Tirán Pereira chega ó fin de semana decisivo no referente á permanencia na Liga ACT na última posición a catro puntos de San Juan, penúltimo, que ocupa a praza de 'play-off' de ascenso e descenso. Unha situación límite cociñada durante toda a tempada, pero que tivo o momento chave o pasado domingo nas augas de Zarautz. Tras sete regatas nas que a "Mar do Con" superaba ó seu rival directo de Pasaia, o bote vasco reaccionou, gañou a quenda e meteu a Kaiku e San Pedro polo medio. "É duro porque fixemos as cousas ben nas últimas semanas, gañamos a San Juan durante sete regatas seguidas, eles gañan un día e sérvelles como se fosen tres. Noutras ocasións nos quedamos a un segundo ou dous de meter a traiñeiras polo medio, pero non tivemos esa sorte", explicou o adestrador de Tirán, Benjamín Vázquez 'Benji'.  
Foi o particular día negro para os remeiros do club de Moaña porque "comezamos ben durante o primeiro longo e un pouco máis. Pero despois San Juan tivo varias empopadas, púxose diante e nós igual estivemos con algúns nervios. Xuntouse todo". 
Ó final da regata toda a expedición do club moañés estaba marcada pola tristura. Pero o preparador xa traballa nas regatas da fin de semana, que o sábado será en Moaña, no peirao do Con, ante os seguidores do club moañés. "Na casa sempre contamos co apoio dos nosos afeccionados e tentaremos superar a San Juan. É complicado porque non depende de nós, pero as contas son claras. Quedan 24 puntos en xogo e temos que remontar catro".
O técnico buscará trocar algunhas cousas na "Mar do Con" para gañar décimas ou segundos que poden ser decisivos. Algo que fai semana a semana e que constata cos resultados porque "melloramos moito en relación co inicio de tempada. Incluso tivemos a opción de non participar este ano na ACT. Optamos por facelo e estamos sendo competitivos. Cada semana loitamos con outros barcos proa a proa. Melloramos, pero os outros tamén".
Esta é a situación da "Mar do Con", que loita por evitar o descenso tras once tempadas na máxima categoría do remo. Os cambios no inverno coa saída de moitos remeiros propiciaron un curso de dificultades. A isto engadiuse unha ACT que ano a ano gaña nivel, especialmente este curso, sen ningunha traiñeira descolgada e cos equipos ascendidos na metade da táboa. O bote do Morrazo comezou mal o curso e viviu un fin de semana na Coruña especialmente tráxico. A  partir de aí mellorou, pero chegou a traxedia do domingo.
Agora queda apelar a unha fin de semana extraordinaria, especialmente a un sábado máxico na casa. O barco de Moaña terá que buscar o que podería ser o 'milagre do Con'. Para logralo, Benji Vázquez e os seus remeiros desexan ter un día atinado e tamén algo de vento e onda curta, que podería ser de norte ou de brisa mariña, case da igual. A necesidade é que a Ría de Vigo viva un atardecer deses molestos, que dificulta ós patróns e tamén a deportistas acostumados ó mar aberto do Cantábrico, pero non ás incomodidades do golpeo das pas coas ondulacións dunha mar rizada. Tamén influirá a marea, pero para os locais terán que axudar ás gorxas da parroquia do Con e tamén algo de inspiración divina, xa sexa de San Juan ou de Nosa Señora dos Remedios, os clubs pai e nai do actual Tirán. Búscase un milagre no Con.n

Te puede interesar