rugby

Tempos de seca nas Lagoas

Carlos López, co oval, trata de avanzar ante a oposición de catro xogadores do Campus Ourense no partido de onte.
photo_camera Carlos López, co oval, trata de avanzar ante a oposición de catro xogadores do Campus Ourense no partido de onte.

O Kaleido Vigo inicia a tempada como pechacancelas tras perder de xeito claro ante un potente Campus Ourense

Son tempos de escaseza, de seca nas Lagoas. Tras unhas semanas sen apenas choiva, o céspede universitario vigués, caracterizado polo lameiro invernal, presenta manchas marróns de herba seca. A lagoa de acceso ó campus está nos seus niveis máis baixos e o equipo de rugby tamén inicia o curso con recursos limitados. Sen Brizuela nin Sito Moure na primeira liña e coa maioría de xogadores procedentes da súa canteira, onte amosou poucos argumentos ante un Campus Ourense con cinco xogadores do Hemisferio Sur ós que engade o inglés Marston. Se en Vigo tratan de sacar recursos da casa, o seu rival de onte presentou a candidatura ó ascenso. Deste xeito, a vitoria foi visitante. 
Os primeiros minutos foron de certa esperanza para a formación dirixida por Adrián Lago, que tivo un comezo como técnico duro. Os locais mantiveron a posesión durante os primeiros dez minutos e xogaron con bo ritmo nos arredores da zona de marca visitante. Tras moito ataque e algún que outro erro preto do ensaio, o Kaleido Vigo aproveitou un golpe de castigo para abrir o tanteador. Sería case unha anécdota porque os locais non volveron a sumar ata mediado o segundo acto.
O Campus Ourense aproveitaba os erros locais para saír con ensaio en cada aproximación á zona de marca viguesa. Baixo a batuta de Stratton chegaron os puntos ante un Kaleido Vigo que sufría moito en defensa –unha das facetas a mellorar– mentres carecía de eficacia nos últimos dez metros. O resultado, unha derrota abultada e a constatación de que a permanencia será un logro de mérito.

Kaleido Universidade de Vigo: 
Bargiela, Tito Prieto, Paradela, Santi Lemos (Filgueira, min. 41), Carlos López, Carlos Davila, Javi Abadía, Maka Tatafu; Valentín Gutiérrez, Uru; Diego Davila (Riveiro, min. 46), Mauro González, Koldo Barandiarán, Santi Gutiérrez (Miguel Abadía, min. 56), Carlos de Cabo. 
Campus Ourense: 
Guillermo Hernández, Simaile (Arceo, min. 44), César García (Presas, min. 79), Rubén Rodríguez, Santórum, Lalín (Pablo Fernández, min. 60), Jaime García (Sueiro, min. 41), Clarke; Santi Alonso (Comesaña, min. 76); Stratto, Puga, Brais Martínez (Spicer, min. 41), Marston, Yago Rodríguez, Shearer.
Anotaciones: 
3-0, min. 8: golpe de Uru; 3-7, min. 17: ensaio de Marston, que pasa Shearer; 3-14, min. 29: ensaio de Clarke, que pasa Shearer; 3-21, min. 35: ensaio de Santórum, que pasa Shearer; 8-21, min. 65: ensaio de Tatafu; 8-26, min. 68: ensaio de Marston; 8-33, min. 77: ensaio de Spicer, que pasa Shearer; 8-40, min. 80: ensaio e transformación de Shearer. 
Árbitro: 
Luis Santos. Amosou cartón amarelo que leva dez minutos de expulsión ós visitantes Jaime García (min. 7), Stratton (min. 56) e Rubén Rodríguez (min. 73). 
Incidencias:
Partido correspondente á primeira xornada na División de Honra B de rugbi xogado no campo das Lagoas Marcosende ante uns 200 espectadores. 

Te puede interesar