fútbol

Tempestade e calma

Yago Vázquez cabecea o esférico ante a oposición dun rival.
photo_camera Yago Vázquez cabecea o esférico ante a oposición dun rival.

Rober adiantou ó Choco ós cinco minutos e Tomás Abelleira empatou ós dezaseis minutos

A sorte pareceu mudar de xeito definitivo para o Choco esta tempada. Tras moitas semanas de mala fortuna, de deixarse puntos no camiño, agora sumou sete nos tres últimos encontros e onte, en Santa Mariña, tivo esa présada de fortuna necesaria para apañar un empate ante un Compostela que tivo dúas ocasións claras para levarse o partido, pero que tampouco amosou condicións extraordinarias para estar na zona alta da táboa clasificatoria.
O equipo de Marcos Montes saiu concentrado ó terreo de xogo, cunha clara intención de ter o balón e chegar ó área contraria. Deste xeito, Óscar Pérez e Rober asociaronse na frontal do área e o segundo desbordou á defensa e superou a Lucas Díaz.
Un tanto que obrigou ó Compostela a saír algo máis, pero contou coa axuda local para facer a igualada. Lucas errou ó intentar iniciar a xogada e Mitogo asistiu a Tomás Abelleira que aproveitou a acción para superar a Cortegoso no man a man. 
Dezaseis minutos e encontro igualado en Santa Mariña. Do intercambio de golpes saiu fortalecido o Compostela, que tivo máis intención ata o descanso, pero sen grandes ocasións. De feito, a opción máis clara volveu a ser por un erro local. Perda do balón e, nesta ocasión, Mitogo optou por conectar un puntapé que marchou ó longueiro.
O descanso sentou ben ós locais, que sairon con intención e con máis posesión que o Compostela no segundo acto. Aínda así, as ocasións foron escasas e ambos conxuntos abusaron do xogo directo. A opción máis clara volveu a ser local e, nesta ocasión, foi o extremo Gonzalo García o que enviou o esférico ó longueiro.
No tempo engadido o Choco pediu un penalti ó entender que un disparo de Silva foi desviado polo brazo dun defensor visitante. Quinto empate seguido do Compostela e o Choco ten unha renda de dous puntos sobre o descenso.

Choco: 
Cortegoso, Gonzalo, Yago Vázquez, Lucas, Gándara, Alberto Suárez, Rober, Gabi Misa (Juan Feijóo, min. 78), Félix (Comis, min. 62), Marcos, Óscar Pérez (Silva, min. 71). 
Compostela:
Lucas Díaz, Seoane, Cabrejo, Manu Rodríguez (Lamas, min. 15), Santi Taboada, José Vives, Gonzalo (Diego Rey, min. 84), Julián, Tomás Abelleira, Ubeira, Mitogo (Nogueira, min. 71).
Goles:
1-0, min. 5: Rober; 1-1, min. 16: Tomás Abelleira. 
Árbitro:
José Manuel Cives Enjo. Amosou cartón amarelo a Óscar Pérez polo Choco e a Vives, Tomás Abelleira e Ubeira polo Compostela. 
Incidencias:
Partido correspondente á décimo sexta xornada. 

Te puede interesar