división de honra xuvenil

Unha tarde para a amizade

Sergio percorre a banda seguido dun dos xogadores do Lugo no partido de onte.
photo_camera Sergio percorre a banda seguido dun dos xogadores do Lugo no partido de onte.

O Celta superou con claridade a un atrevido Lugo que deu moitas facilidades en defensa

O Lugo amosou onte no campo de A Madroa que é un equipo concibido para o toque e a formación técnica dos futbolistas. No conxunto xuvenil levan este punto ó extremo, incluso ante rivais superiores como o Celta e, como sucedeu no céspede artificial da Madroa, este atrevemento pagouno cunha goleada.
O equipo lucense tentou sacar o esférico controlado dende a defensa en tódalas ocasións, poucas veces o acadou, e tentou combinar sempre que existía a posibilidade cos seus xogadores de talento. O que non estaba nos plans do equipo visitante é que esta estratexia de xogo non serve ante un equipo mellor preparado no físico, igual de traballado no táctico e con máis talento como foi o Celta.
Deste xeito, sen o esférico, o Lugo amosou ser un equipo feble, moi feble en defensa, e o Celta atopou moitas facilidades. Entrou polos costados con notable facilidade e claridade. Deste xeito, unhas das incursións de Hugo Pintos rematou co puntapé ó borde do área pequena de Adrián Rodríguez ó cuarto de hora de partido. Unha nova acción polo costado dereito, nesta ocasión de Pape, tamén tivo o mesmo final. Remate e gol de Adrián Rodríguez. Antes do descanso chegou a terceira acción polo mesmo costado. Nesta ocasión fixeron falta dous centros e o esférico chegou ata Pape, que cabeceou ó fondo da rede. Tres tantos do Celta en menos de media hora e non chegaron ós cinco porque cando o equipo local descubriu que tamén atopaba corredor pola esquerda, Álex tivo dous man a man que rexeitou o pau e o porteiro.
Cunha vantaxe de tres goles, o encontro estaba morto no segundo acto. A cuestión sería saber se o Lugo podía dar emoción ó mesmo ou establecer ata onde chegaba a contra. Parouse nos cinco tantos co segundo gol de Pape e un de Brais dende o punto de penalti.
O Celta tivo unha tarde sen complicacións ante un equipo que, coa súa formulación, comportouse como un amigo e que deixa ós vigueses na segunda praza á espera do que poida facer hoxe o Racing de Santander.

Celta: 
Iván, Sergio, Jorge, Bugallo (Pancho, min. 50), Diego (Peña, min. 75), Rocha, Hugo, Pape, Adrián Rodríguez (Silva, min. 63), Brais, Álex (Nacho, min. 70).
Lugo: 
Lacharrón, Edgar (Duque, min. 58), Julio, Adrián, Nacho (Rego, min. 58), Pedro, Edrosa (Escarda, min. 58), Dani Pedrosa, Alberto, (Adrián, min. 58), Juan.
Goles: 
1-0, min. 15: Adrián Rodríguez; 2-0, min. 24: Adrián Rodríguez; 3-0, min. 28: Pape; 4-0, min. 73: Pape; 5-0, min. 86: Brais, de penalti..
Árbitro: 
Gonzalo Villanueva. Amosou cartón amarelo a Julio e Alberto do Lugo. Sen cartóns no Celta. 
Incidencias:
Partido correspondente á duodécima xornada no grupo I da División de Honra xuvenil disputado no campo de A Madroa ante, aproximadamente, 100 espectadores.

Te puede interesar