ATLETISMO 

Sen sufrimento non se cruza o paraíso

Os atletas cruzan a praia de Barra nun instante da proba de onte.
photo_camera 20140921204322561

A carreira 21 k Costa da Vela celebrou onte a súa primeira edición con vitoria de Pedro Traba e con 262 atletas que lograron chegar á liña de meta en Massó

A Costa da Vela, probablemente un dos lugares máis fermosos de Galicia. Un lugar de veraneo, sendeirismo e, dende onte, o enclave dunha especie de media maratón que tiña máis de trail que de carreira popular e que gañou Pedro Traba porque así o quixo o chip que levaba na súa zapatilla. Entrou no mesmo e tempo e da man de Álvaro Prieto. Un segundo máis tarde completou o podio Daniel Fernández. 
Non obstante, entre os 262 participantes que lograron cruzar a liña de chegada tamén había un bo número de mulleres e, entre elas, máis rápida foi María Rosario Figueroa, que dispuxo dunha marxe ampla sobre Paz Méndez e Blanca Lavandeira, que cruzaron a chegada separadas por once segundos. 
A loita pola vitoria converteuse para algúns nunha escusa para poder atravesar a trote, paso lixeiro ou camiñando, un percorrido deseñado ó milímetro por cada un dos recunchos da xeografía canguesa dende o monte de Aldán ata o pé da praia de Areamilla. Case 21 quilómetros e medio que combinaron a partes iguais beleza e dureza. 
A mañá comezou coa chegada tarde do autobús e tamén cun cuarto de hora de demora na saída da proba. A organización indicaba que o motivo debeuse a que non se puido cortar antes unha das poucas estradas que atravesou a proba. As malas linguas dicían que era porque coincidía co horario da misa parroquial. 
Na primeira liña situáronse os favoritos a vitoria e os que quería loitar por un posto de privilexio. Máis atrás, o resto do pelotón que tivo como primeiro regalo da xornada unha ampla pista de terra en forte pendente para dar paso a unha zona de vexetación exuberante coñecido como 'O Bosque encantado'. Aquí, calquera tipo de camiño xa se converteu en sendeiro e en moitos tramos, só se permitía unha pequena ringleira de corredores. Un adianto do que foi un percorrido argallado case metro a metro. Utilizouse para o mesmo todo carreiro, paso de pés, ou estreitamente posible que existía pola zona de Aldán. No comezo da subida ó Monte Facho quedaba atrás este lugar radiante nun día solleiro. 
Aquí comezaba a tortura cuns quilómetros de ascenso que soamente os privilexiados puideron facer ó trote. Entre eucaliptos e toxos, a maioría do pelotón alcanzou o punto máis alto do percorrido para tomar unha pista que descendía devagar por toda a costa da vela deixando algunhas das instantáneas máis fermosas da xornada. O mar batendo nas rochas, con Cabo Home e as Cíes o fondo. Soamente por chegar a este punto merecía a pena estar na saída desta carreira. 
Tras percorrer toda a paisaxe divisada dende as alturas, e pasar dos postos dunha necesaria auga. Os atletas chegaban ó mar na praia de Melide, outra fermosura do percorrido mediada unha proba na que a maioría dos deportistas xa ían algo descompostos. 
Era o momento do regreso pola abrupta costa sur de Cangas cara Areamilla. Pasouse o areal de Barra, cunha curiosa fotografía con ducias de corredores entre bañistas espidos, tamén Nerga e outras calas de menor tamaño entre costas tan imprevistas como esgatadoras, carreiros entre leiras el algún que outro veciño do lugar cunha mangueira de auga fresca que deu unha necesaria ducha ós corredores. 
A estas alturas, camiñar ou trotar era o de menos. O importante consistía en poder cruzar a liña de chegada en sen os xemelgos subidos ou calquera outro problema físico. Pouco a pouco, a alcanzaron a maioría dos valentes que tomaron a saída. Esperaba o catering habitual e, como premio extraordinario, un baño no Atlántico. Sen padecementos non hai paraíso.n

Te puede interesar