liga galega a

Samertolameu métese na Concha

A embarcación de Samertolameu afronta a boia de terra cunha lixeira vantaxe sobre Amegrove.
photo_camera A embarcación de Samertolameu afronta a boia de terra cunha lixeira vantaxe sobre Amegrove.

A traiñeira de Meira gaña na casa e amplía a renda sobre Amegrove, mentres que Chapela abandona a última praza

O habitual duelo na Liga Galega de Traiñeiras A resolveuse onte a favor de Samertolameu tras unha regata de potencia nas augas de Meira. Ademais, a vitoria supón a clasificación do bote local para a clasificatoria da Bandeira da Concha, xa que soamente se lle concedeu unha praza á competición autonómica.
Sobre un mar en calma, as dúas embarcacións calcaron o tempo no primeiro longo, o que indicaba que a regata tiña que ser dura e de moita potencia. "A Terca" comezou a distanciar ó seu rival no segundo rego. Deste xeito, á baliza de terra chegou cunha marxe de catro segundos que comezaba a decantar a regata, pero que, aínda non a pechaba. 
Non obstante, os de Meira amosáronse superiores na segunda metade da proba. Volveron a meter tempo a Amegrove no terceiro longo e, no cuarto, ampliaron as distancias un pouco máis. Na chegada, o bote de Samertolameu entrou con once segundos de marxe sobre o seu máis directo rival e amplía a catro puntos a súa renda na xeral. Unha distancia que comeza a ser definitiva na loita polo título, xa que salvo accidente dos moañeses, obriga a Amegrove a gañar as regatas que quedan para ter opcións de superar a Meira. 

Ledicia en Chapela
A traiñeira de Chapela, ata onte pechacancelas, logrou facer en augas de Moaña a mellor regata do curso e gañou a quenda inicial do día. Con este quinto posto, o bote redondelán obtén unha renda de tres puntos sobre o colista, A Cabana, a falta de dúas probas para rematar as regatas puntuables na zona baixa da táboa. 
Deste xeito, a embarcación adestrada por Marco Antonio Castelao dá un paso de xigante para evitar o último posto que conduce de xeito directo á segunda categoría do remo autonómico. Non obstante, a penúltima praza obriga a disputar a promoción de descenso e ascenso ante o segundo e o terceiro clasificados da Liga Galega B e, polo potencial da segunda categoría, parece un compromiso de enorme dificultade esta tempada. 
Polo momento, Chapela deu un paso de xigante para evitar o descenso directo, aínda que quedan dúas regatas decisivas.n

Te puede interesar