traiñeiras

Samertolameu amplía a colleita

A traiñeira de Samertolameu logrou a vitoria na regata da xornada de onte celebrada en augas da Ría de Ferrol.
photo_camera A traiñeira de Samertolameu logrou a vitoria na regata da xornada de onte celebrada en augas da Ría de Ferrol.

"A Terca" suma un dobrete na fin de semana ó gañar en Ferrol con Coruxo na sétima praza

Unha nova vitoria, un pouco máis lonxe dos rivais e máis cerca do título da Liga Galega. Samertolameu gañou onte a Bandeira Cidade de Ferrol para acadar un dobrete na fin de semana e deixar a competición case sentenciada. Salvo a aparición de sucesos extraordinarios, o barco da parroquia de Meira gañará esta tempada a competición autonómica.
Onte, na sempre complicada Ría de Ferrol, os remeiros de Dani Pérez  Fandiño viviron un fermoso man a man con Puebla. A tripulación do Barbanza é a única traiñeira que, cando está nun bo día, loita pola vitoria coa do Morrazo. Tras un mal resultado o sábado, Puebla buscou onte un particular desquite, pero atopouse un bote moañés con intención de gañar.
Deste xeito, a proba foi unha loita fermosa entre os dous barcos. Na primeira ceavoga, a distancia entre unha tripulación e outra foi dun segundo e mantívose na segunda manobra e tamén nas dúas seguintes. Nun campo de regatas máis curto do habitual, con cinco manobras de virada e seis longos, soamente "A Terca" colleu renda no último terzo do día. Na chegada foron dous segundos os que distanciaron ás embarcacións.
Por detrás apareceu un mundo e despois o grupo da zona media, onde os prognósticos son unha perda de tempo. Onte estiveron seis embarcacións en nove segundos. O premio do día foi para Mecos-Mondariz e o desgusto para Vilaxoán, que caeu ata a oitava posición. 
Nesta loita extraordinariamente axustada, Coruxo finalizou na sétima praza e continúa sen acadar os resultados esperados. A tempada da "Fontaíña" é para unha análise. Está moi preto dos barcos da quenda de honra, pero non consegue subir o medio chanzo necesario para meterse entre os catro primeiros con frecuencia. 
Pola súa banda, Chapela repetiu a penúltima posición da xornada anterior e, regata a regata, perde a loita con Rianxo pola décima posición. Onte estiveron separados por catro segundos e a diferencia na xeral é de seis puntos. A loita é pechada, pero os redondeláns teñen cada día máis lonxe ó seu rival. 
A vindeira semana a Liga Galega deixa as Rías Altas. Bueu e Rianxo acollerán as dúas últimas citas de xullo antes do paro do primeiro fin de semana de agosto. Será o punto de inflexión da tempada na Liga Galega.n

Te puede interesar