Vig-Bay

Un repetidor e unha novata co aire na cara

O pelotón de atletas, na recta de Samil, durante uns primeiros metros que foron máis lentos que en pasadas edicións por medio ó vento.
photo_camera O pelotón de atletas, na recta de Samil, durante uns primeiros metros que foron máis lentos que en pasadas edicións por medio ó vento.

Nuno Costa obtén a súa segunda vitoria na Vig-Bay e a viguesa Sandra Mosquera inaugura o seu palmarés nunha edición que remataron 3.932 atletas

Repetiu vitoria o portugués e gañou a rapaza de Vigo. Así o podería contar o veciño de Baiona que baixou á rúa co can para ver ó final, como cada ano, da Vig-Bay, antes de dar o paseo habitual ó redor do Parador. Os máis rápidos foron Nuno Costa e Sandra Mosquera nunha xornada na que chegaron ata a liña de meta en Baiona un total de 3.932 corredores. A cifra máis baixa dos últimos seis anos e con tempos dos máis altos, pero iso foi por unha cuestión de vento do sur. 
Tanto a categoría masculina como a feminina estiveron marcadas polo aire na faciana dos corredores, que condicionou a proba durante moitos instantes. Poñerse a marcar o ritmo podía supoñer gastar forzas de máis e, por este motivo, o grupo cabeceiro foi enorme durante os primeiros tres quilómetros, ata que chegou a subida de Canido, dende o mar ata o cruce coa estrada de Baiona. Alí tiña que chegar a selección e así foi porque Nuno Costa e Iván Roade puxéronse a tirar con forza para converter un grupo amplo nun cuarteto. Alejandro Fernández facía bos os prognósticos e aparecía Pablo Miguel García como convidado por méritos propios.


A proba parecía decidida, pero tivo os seus momentos de incerteza. Detrás formouse un grupo de cinco corredores que loitaron por enlazar entre os catro primeiros. Na primeira ocasión chegou Elías Domínguez e Roade optou por facer un cambio de ritmo para volver a poñer metros de por medio. Non obstante, Nuno Costo non tiña a intención de elevar de máis a velocidade e Alejandro Fernández collía a cabeza para baixar o paso. A reagrupación chegou na entrada do casco urbano de Nigrán. Polo décimo quilómetro pasou un grupo unido, que tomou a baixada cara Praia América sen sobresaltos. Na curva que toma o percorrido cara o Polideportivo de Nigrán podíanse escoitar os coitelos afiándose por parte dos corredores. Un termo ciclista para indicar que un participante prepara o seu ataque porque, nesta fase, foi unha proba atlética pero con moita táctica das competicións de dúas rodas. 


Eran uns metros con vento de cu e, polo tanto, onde un cambio de ritmo fai máis dano. Acelerou Nuno Costa e Iván Roade, o animador do día, continuou o ataque no cambio de dirección ó redor do polideportivo. O grupo saltou polos aires e quedaron os catro do inicio na cabeza na recta paralela ó areal de Nigrán.

Intento de abanicos 
Era unha xornada con pingueiras de ciclismo e Iván Roade formouse nesta modalidade deportiva. En Praia América demostrouno. Sopraba o vento contrario, pero entraba algo polo costado. Igual non todo o lateral que quería o de Nigrán, pero comezou cunha serie de cambios de ritmo nos que se abría e, ó trocar o paso, pegábase cara a beirarrúa para evitar que os rivais puideran situarse nunha posición de abrigo do vento. Correndo pola beira do asfalto, Alejandro Fernández sufría máis da conta para aguantar os ataques do atleta de Nigrán que, nese instante, recibía un apoio extra dos seus veciños. Correr en casa favorece que o número de ánimos sexa superior. 


Un pequeno xiro que volveu a situar o vento de fronte cortou os intentos do nigranés e deu aire a uns compañeiros de grupo que pasaron instantes de moito apuro. Chegaba o momento de Monte Lourido e os seus metros ascendentes. Era outro dos puntos quentes. Na saída do treito, nunha nova zona con vento de cu e en ascenso tiña que chegar un novo ataque e Nuno Costa probou, para secundar Roade. Non serviu para rachar o grupo, pero si para deixar ós corredores sen aire. 
Caeu Pablo Miguel García primeiro e, xa na ponte da Ramallosa, Nuno Costa repetiu o ataque da edición anterior. Alejandro Fernández cedeu e tamén Iván Roade. O luso colleu uns metros. Foron poucos, pero suficientes. Xa na recta final, o de Ourense superou ó de Nigrán e cruzaron a liña de chegada en dez segundos. 


Entre as mulleres, Sandra Mosquera, segunda en 2017, buscaba a vitoria e acadouna tras uns dez primeiros quilómetros no que atopou a oposición de Paula Mayobre e Justyna Woscik. Despois tomou o liderado para chegar con renda a Baiona e obter a súa primeira vitoria -probablemente non será a última– na Vig-Bay. Por detrás, a céltica Alice Finot foi en progresión para rematar segunda con Mayobre, sen folgos, terceira.n

Te puede interesar