liga galega traiñeiras

Puebla gaña nunha regata discreta dos barcos da Ría

Chapela realiza unha ceavoga na regata de onte, organizada polo club redondelán nas augas da Ría de Vigo.
photo_camera Chapela realiza unha ceavoga na regata de onte, organizada polo club redondelán nas augas da Ría de Vigo.

Samertolameu foi segunda, Coruxo oitava e a barco local de Chapela pechou a regata

Xornada de vento na Ría de Vigo que lastrou ás embarcacións da quenda de honra da xornada e que sopraba máis na zona exterior do campo de regatas de Chapela, lonxe do abrigo do monte da Guía. Neste carreiro vogou Coruxo e caeu ata a oitava posición ó ser adiantada por catro embarcacións de mangas anteriores. 
O día comezou con calma na Ría de Vigo, o que lastra ós barcos das balizas interiores por cuestión de calada. Non obstante, a partir da segunda quenda comezou a soprar a brisa mariña e muda completamente a situación porque pasan a ser as balizas exteriores, sen o abrigo do monte da Guía as lentas, lastradas polo vento e pola onda que entra sen oposición polo centro da Ría de Vigo. 
Antes de comezar o movemento forte do aire, Chapela realizou unha mala regata na quenda inicial da xornada para pechar a clasificación ante o seu público. Incluso foi superada por Perillo, pechacancelas da Liga Galega A, que vogou pola rúa exterior con máis auga. 
Na segunda manga do día comezou a soprar a brisa, pero aínda de forma lixeira, sen chegar a formar grandes ondas, pero suficientes para comezar a lastrar a baliza exterior. De ser o mellor rego, a converterse no peor. 
Por alí vogou Castropol, que asinou unha actuación pobre, mentres que Amegrove, Bueu e Vilaxoán aproveitaron as circunstancias. A traiñeira grovense tivo un día especialmente inspirado para asinar a terceira posición da mañá. Un gran resultado. Pola súa banda, Bueu e Vilaxoán aproveitaron a cita para meterse por diante de Coruxo, que careceu da inspiración do día anterior e pagou o cuarto carreiro.
Cando deuse a saída a quenda de honra, o vento xa era forte e as ondas molestaban as traiñeiras das balizas exteriores. Pagouno a "Fontaíña", que chegou a seis segundos de Mecos-Mondariz, pero entre elas metéronse ata tres traiñeiras de quendas anteriores.
Na loita pola vitoria, Puebla gañou a Bandeira Concello de Redondela con oito segundos de renda sobre Samertolameu. Dani Pérez introduciu varios trocos na "Terca" tras gañar o sábado en Vilagarcía e o barco baixou algo o rendemento. Aínda así, lidera a táboa.

Nova vitoria de Mecos
Na competición feminina, Mecos gañou con claridade e Chapela foi cuarta por centésimas ante A Cabana. Mal día das locais.n 

Te puede interesar