terceira división

Porteiros solventes

Comis loita por un balón aéreo co visitante Diego Aval.
photo_camera Comis loita por un balón aéreo co visitante Diego Aval.

Cortegoso e, sobre todo, o visitante Pazos protagonizaron o empate entre Choco e Ribadumia

Día de luvas quentes. O partido entre o Choco e o Ribadumia en Santa Mariña estivo marcado pola gran actuación dos porteiros Cortegoso, no equipo local e, sobre todo, o visitante Roberto Pazos, que salvou ó seu equipo, especialmente antes do descanso con paradas de moito mérito. Os dous conxuntos crearon ocasións, pero o tanteador non se moveu. 
No primeiro tempo, o encontro tivo claro mando local. Salvo uns dez minutos iniciais de certo tanteo, os xogadores de Gonzalo Fernández 'Gonza' fixéronse co mando do enfrontamento e comezaron a acumular chegadas ó área visitante. Félix, en dúas ocasións, e Antón Vilas buscaron o gol, pero Roberto Pazos sacou mans de mérito, mentres que Carlos Cora enviou fóra a súa ocasión.
No segundo acto, o Ribadumia, inmerso na zona de descenso, tratou de buscar a vitoria e gozou de dúas ocasións, nas que apareceu o local Cortegoso para desviar un disparo de Tomás Abelleira e tapar un man a man de Monchito. 
Co paso dos minutos, o Choco tamén tivo opcións de vitoria, pero volveu atoparse con Roberto Pazos. O encontro entrou nunha viaxe de ida e volta cos dous equipos en busca da vitoria, pero xa sen acerto nos metros finais. 
Deste xeito, o Choco continúa invicto no seu terreo de xogo e está situado na novena praza, lonxe da promoción de ascenso e cunha renda de oito puntos sobre o descenso que aínda é escasa. Pola súa banda, o Ribadumia está nunha situación peor porque ocupa a antepenúltima praza en zona de descenso. Deberá mellorar no que queda de tempada para saír da zona baixa da táboa.

Choco: 
Cortegoso, Lazcano, Yago Vazquez, Cañedo, Xián, Caloi, Comis, Vilas, Félix, Cora (Isaac Santiago, min. 83), Gabri (Davo, min. 89).
Ribadumia: 
Roberto Pazos, Santi Padín, Aval, Miguel Vázquez, Javi Domingo (Rodrigo Bestilleiro, min. 85), David Gómez, Fandiño, Manu Santos, Monchito (Marcelo Abalo, min. 72), Tomás Abelleira, Hugo Soto (Aitor Pérez, min. 85).
Árbitro: 
Jesús López Fernández. Amosou cartón amarelo a Gabri Palmás, Antón Vilas e Xián polo Choco a a Javi Domingo e Abelleira polo Ribadumia. 
Incidencias:
Vixésimo cuarta xornada en Terceira División. 

Te puede interesar