SERGIO ÁLVAREZ. Porteiro do Celta

"A miña ilusión é seguir aquí, pero teño claro que por un ano non vou renovar"

O porteiro do Celta Sergio Álvarez, onte nas instalacións deportivas de A Madroa.
photo_camera O porteiro do Celta Sergio Álvarez, onte nas instalacións deportivas de A Madroa.

Sergio Álvarez (Catoira, 1986) preséntase cun sorriso debuxado nos beizos, pero non pode ocultar a súa decepción coa oferta de renovación que lle presentou o Celta.

Porque soña con acabar a súa carreira no club da súa vida, pero asegura que non ampliará o seu contrato por unha soa tempada. Necesita "estabilidade" e espera dos dirixentes celestes unha mostra de confianza antes de que remate o ano. A partir de xaneiro será libre para negociar con calquera outro equipo, pero polo momento prefire centrarse exclusivamente no Celta, ó que espera axudar a seguir crecendo, tal e como fixo ó longo das últimas tempadas.

Que lle parece a oferta de renovación do Celta, por unha soa tempada?
É un primeiro acercamento onde o Celta soamente me ofrece un ano e eu non estou satisfeito nin me agrada que me ofrezan un ano máis porque quería seguir aquí quizais cun pouco máis de estabilidade. Seguiremos esperando a ver se eles traen outra proposta, con plena confianza e coa tranquilidade total que tiven sempre porque a miña idea é tentar estar aquí o máximo tempo posible.

Despois de varias tempadas ampliando o seu contrato ano a ano, o club ofreceulle un contrato máis longo na súa última renovación. Decepciónalle que a proposta volva ser por unha soa campaña? Esperaba outra cousa?
Non esperaba que o club me ofrecese unha temporada soa, pero tamén hai que ter claro que é a primeira oferta e espero que sigamos falando e podamos chegar a un acordo. É verdade que foi unha pequena decepción ou que quizais eu esperaba que o club me ofrecese máis dun ano. Pero isto é fútbol, o Celta mirará polos seus intereses, eu terei que mirar polos meus e xa digo que a miña idea é chegar a un acordo. Pero sempre digo que o fútbol é un traballo que estamos realizando e cada un mira polo seu.

Interpreta esta oferta como unha falta de confianza do Celta?
Bueno, non creo que sexa así. Levo moitos anos aquí e sei a confianza que teñen en min. Non sei que idea tiveron eles ofrecéndome ese ano só. Non sei se é porque era a primeira oferta e querían ver como reaccionaba eu, pero xa dixen que non estaba dacordo e agora tamén quero ver como reaccionan eles. A partir de aí, xa veremos se seguen tendo esa confianza que eu creo que si teñen en min.

A súa postura é definitiva, non renovaría por un ano, ou é algo que podería chegar a valorar?
Non, a miña postura é definitiva. Teño claro que por un ano non vou renovar. Creo que non é o momento de que eu vaia renovando ano a ano, non o vexo así, xa o fixen varios anos e penso que este non é o momento de seguir renovando ano a ano. Necesito esa estabilidade, esa confianza, e esa decisión si que é definitiva.

No fútbol ten moito peso a valoración subxectiva, pero é un feito que foi o gardameta titular do Celta as tres últimas tempadas, que foron anos exitosos e que o curso pasado, segundo a UEFA, foi un dos mellores porteiros da Liga Europa. Tendo en conta isto, sorpréndelle a decisión do club?
Si. Como dis ti, as últimas tempadas tiven a oportunidade de xogar continuamente, de ter moitos partidos, e é verdade que estaba contento co traballo que fixemos en tres tempadas nas que fomos mellorando pasiño a pasiño e collendo confianza ata chegar a esas semifinais da Europa League e a dúas semifinais da Copa. Sentíame parte importante de este proxecto, de este equipo, e evidentemente estaba contento co traballo que estaba facendo. E os resultados chegaron, aínda que foi unha pena non ter chegado máis lonxe. Pero si estou contento co que aportei ó equipo todos estes anos porque penso que tamén axudei ó crecemento de este equipo e este club.

Non é un segredo que a capacidade de Sergio ten sido obxecto de debate nos últimos años. Non por parte do club, senón da afección en xeral. Sente que foi xulgado con máis crueza que outros compañeiros?
Non, igual. O que si está claro é que un porteiro sempre vai a ter a culpa de tódolos goles. Iso teño claro. Levo sendo porteiro dende que tiña 8 anos e sempre pasa. Pero tamén teño claro que o máis importante para min é que sei que os meu compañeiros teñen plena confianza en min, os que me rodean diariamente teñen plena confianza en min e o máis importante: eu teño plena confianza en min polo traballo que fago diariamente, polo que adestro. Iso é o máis importante para min. Sei que hai moita xente que ten confianza en min, pero no fútbol non lle podes gustar a todo o mundo e iso tamén o tes que ter claro.


Cree que é casualidade que esta oferta chegara no momento no que perdeu a titularidade?
Non creo que teña nada que ver unha cousa con outra. Agora non estou xogando, pero non creo que o club fixera esa oferta por isto porque me coñecen desde hai moitos anos e imaxino que daría igual que estivese xogando ou non.

Está disposto a esperar ata final de tempada ou é un tema que quere deixar resolto antes.
Non, quero solucionalo canto antes. A partir de xaneiro podería ir a calquera lado e é algo que intentarei solucionar antes de que chegue xaneiro.


Imaxino que un factor a ter en conta nestes casos é o risco de lesión, lembrando por exemplo o caso de Víctor Valdés co Barcelona.
Evidentemente, é un dos inconvenientes ou un dos problemas cando non tes contrato. Un futbolista, como calquera deportista, pode ter unha lesión en calquera momento, é o peor do deporte. Pero non quero pensar niso e si en que vou a seguir gozando do fútbol, non pasa pola miña cabeza ter unha lesión.

Se o ano que ven non está no Celta, onde estará? Pensou niso xa?
Non, de momento non. Aínda queda mes e medio para que teña a posibilidade de ir a calquera lado, pero agora mesmo o que quero é centrarme aquí, seguir axudando a este club e a este equipo a seguir crecendo e, por que non, pensar en estar nesas posicións de Europa un ano máis, que para min é o máis importante e o único no que penso estes días.

Ten excompañeiros e amigos que apostaron por unha experiencia no estranxeiro, como Álex López en Inglaterra ou Toni en Estados Unidos e agora na India. Gustaríalle probar unha experiencia así se non segue aquí?
A miña ilusión é seguir moitos anos aquí porque aquí son feliz e quero seguir axudando ó Celta a seguir crecendo. É o club que me deu a oportunidade de ser profesional. Pero nunca sabes o que vai pasar mañá e hai que ter as portas abertas sempre. A miña ilusión é seguir aquí, pero nunca se pode dicir o que vai pasar mañá.

Maxi Gómez ten unha oferta moi importante de China. Como ve a posibilidade de que se vaia?
Evidentemente, iso ten que valoralo el. Pensar que e mellor para el, para a súa vida e para a súa familia e tomar unha decisión. Son cousas persoais que cada un ten que valorar dunha forma e,  a partir de aí, eu sempre apoiarei as decisións dun compañeiro porque nunca sabes o que ten dentro e o que está pensando. Intento axudar no que poida e respectar sempre as decisións dos meus compañeiros.

Sorprendeulle o seu rendemento neste inicio de tempada, na súa primeira experiencia en Europa?
A verdade é que si. Para nós tamén foi sorprendente porque ven de outra liga e doutro país, aínda que ten a vantaxe de que coñece o idioma e de que ten compañeiros de Sudamérica que lle axudaron a adaptarse mellor. Esa integración tamén axudou, ademais do seu talento e a súa capacidade á hora de facer goles, porque sen iso non tería feito tantos.

Comezan ante o Sevilla unha fase moi complicada na que se medirán a practicamente todos os equipos que están na parte alta da táboa. Cree que será agora cando se saberá a que pode aspirar o Celta?
Si. Creo que somos un equipo que está en crecemento, que seguirá crecendo durante eses meses, e esta é unha oportunidade para seguir crecendo e afianzarnos nesas posicións que dan a oportunidade de pelexar por postos europeos. O calendario, os partidos que temos por diante, é un reto máis que temos que asumir para intentar sumar o máximo de puntos posibles e tratar de poñerllo difícil ó rival en cada partido. Ese é o noso ADN.

Teñen a sensación, polo vivido nos últimos anos, de que canto mellor é o rival mellor xoga o Celta?
Si. A veces, cando o rival se atreve un pouco máis, sentímonos máis cómodos, máis a gusto. Quizais cando o rival se encerra atrás, non deixa espazos e temos que crealos nos costa un pouco máis. Cos equipos que tentan xogar e presionar, somos un equipo perigoso. Hai que intentar aproveitar as nosas armas e ir a competir en cada partido, a intentar gañar en cada un.

Este parón ligueiro comezou cun bo sabor de boca pola vitoria fronte ó Athletic. Teñen a sensación de que o equipo está mellor cada semana?
Si. O equipo está en proceso de crecemento e vai a seguir crecendo ata atopar o máximo nivel. Esperamos que sexa o antes posible, pero creo que este equipo ten unha marxe de mellora e crecemento que veremos ó longo da tempada.

Sempre se fala dun proceso de adaptación a un novo adestrador. Foi custoso neste caso, cambiou moito a idea de Berizzo a Unzué?
Houbo un cambio e os cambios levan carrexados un proceso de tempo. Loxicamente, intentas minimizar ese proceso porque tes que competir e sumar puntos. Mentres intentas adquirir eses novos conceptos, esas ideas, non te podes esquecer de competir e de gañar. Nalgúns partidos non estivemos todo o ben que poderiamos estar, pero creo que o equipo competiu ben nas últimas semanas e ese é o camiño a seguir.

O sábado é un día de reencontros. Con Krohn-Dehli, con Nolito e co corpo técnico de Berizzo.
Tanto Michael como Nolito son dous excompañeiros que marcaron un momento bo. Michael veu o primeiro ano que ascendemos e estivo comprometido ata o final, pasando as dificultades que tivemos. Sempre deu o máximo de si, sempre apoiou ó equipo e fixo uns anos incribles. E Nolito veu un ano despois e todos sabemos o que aportou, a calidade que ten e sobre todo o gol. É un xogador determinante, que en calquera momento pode decidir un partido. Estamos agradecidos de que estiveran aquí uns anos e nos axudaran a seguir crecendo como equipo e como club. Agora desexámoslle o mellor a partir do domingo. En canto a Berizzo e o seu staff técnico, foron tres anos duros tamén, porque no primeiro non hai que esquecer que pasamos momentos difíciles, pero superamos iso e nos seguintes anos fomos para arriba. Son anos que para min serán inesquecibles tanto a nivel humano, pola relación que tiñamos, como a nivel deportivo porque conseguimos éxitos que nunca se acadaran neste club.

O Sevilla pasou por un pequeno baixón e Berizzo recibiu bastantes críticas. Cree que a súa aposta futbolística, que esixe moito compromiso, pode ser máis complicada nun club máis grande?
Non o sei. Tes que estar alí dentro e saber como son os teus xogadores e inculcarlles a túa idea. Comezaron moi ben e logo, como en todos os equipos, hai rachas peores e mellores. A pasaron e agora volven a estar nun bo momento. Temos que ir alí a poñerllo difícil para tratar de volver cos tres puntos para Vigo e acercarnos a esas posicións onde queremos estar.n

Te puede interesar