traiñeiras

Ondas de padecer e divertir

As traiñeiras da quenda inicial padeceron unhas condicións meteorolóxicas moi duras.
photo_camera As traiñeiras da quenda inicial padeceron unhas condicións meteorolóxicas moi duras.

Tirán Pereira asina a cuarta posición na vitoria de Urdaibai nunhas condicións extremas de mar aberto e vento

Eu voume a divertir", aseguraba David Álvarez, patrón de Tirán Pereira esta semana. A previsión indicaba que o vento sopraría e as ondas ían bater con forza no Orzán coruñés. O que non contaba o guía da "Mar do Con" foi que estes elementos chegaran con dureza, moita máis forza da prevista para converter a primeira edición da Bandeira Cidade da Coruña nun exercicio de supervivencia no mar cunha regata tres minutos máis lenta do que é habitual. 
Nestas condicións gañou Urdaibai por centésimas, Cabo da Cruz rematou descualificada por abordar a Zierbena e o equipo moañés asinou unha nova actuación sobresaínte. Gañou a quenda con claridade e superou a Kaiku da quenda de honra. Non loitou por algo máis porque o vento foi un pouco a menos co paso dos minutos. 
A apertura da xornada foi para Astillero, Cabo da Cruz, Ares e Zierbena. Os tres barcos que parecen chamados a loitar pola permanencia e a traiñeira vasca adestrada polo vigués Zunzunegui, que alterna resultados de quenda de honra con actuacións nas que remata na parte baixa da clasificación. A irregularidade.
Comezou o día con moitos problemas para os patróns para situarse na saída pola forza do vento e unha onda longa que entraba polo lateral. A sensación era de moitas dificultades e o vogar os barcos confirmouno. As traíñas, a unha velocidade que apenas superaba os 10 quilómetros á hora -o habitual é estar polos 18-, loitaban contra o mar entre salto e salto das embarcacións. Nesta circunstancias, a pechacancelas da táboa, Astillero, mandou na quenda dende a primeira pada.
Por detrás, Ares perdía moito terreo mentres que Cabo e Zierbena movíanse a uns dez segundos de Astillero antes do derradeiro longo. Co mar na popa, era o momento de acelerar as embarcacións e de apertar sobre as ondas, que entraban dende o cuarto carreiro ata o primeiro. Cabo da Cruz aproveitounos para reducir diferenzas sobre Astillero e Zierbena fixo o mesmo polo primeiro carreiro. Cando estaban en tres segundos, as traiñeiras xuntáronse no primeiro rego onde Zierbena tentou aproveitar que era o seu. Mudou algo o rumbo, sacoulle unha sanción e Astillero de tres segundos, pero Cabo da Cruz viña nunha onda e entrou polo costado do barco vasco. Eliminación do barco boirense, perda de velocidade de Zierbena e Astillero chegou con renda á meta para superar evitar perder un posto pola sanción. 
A continuación chegou a quenda de Tirán Pereira e a "Mar do Con" volveu a realizar unha pequena exhibición entre os modestos. Amosou que, en mar aberto, é o mellor bote exceptuando os grandes da competición. Se a tempada comezou con dúbidas de permanencia, estas están agora completamente esquecidas.
Mandou Ondarroa coa súa habitual saída asasina que onte morreu contra o mar no ecuador do primeiro longo. Nese intre foi superada por Tirán e pouco despois por San Juan. Tomaron a cabeza da regata e na baliza fixeron os dous barcos unha manobra igual de deficiente. A ambos tocoulle tentar virar entre ondas e, nesas condicións, non se move o barco.
A situación indicaba as dificultades, como tamén que o marca de estribor, por momentos, tiña que parar de vogar para axudar o patrón a manter a traxectoria correcta da traiñeira. Unha situación de casos extremos e que a tiveron que facer tanto Tirán Pereira como Urdaibai, ambos gañaron a quenda. Mostra da dificultade do día.
Na quenda de honra, o líder da competición superou a Hondarribia por 14 centésimas. Chegada de 'photo finish' coa "Ama Guadalupekoa" sobre unha onda. Colleuna un pouquiño tarde e quedou a case nada de gañar.n

Te puede interesar