liga act san miguel

As ondas chegan esquivas

A tripulación de Cesantes tentará realizar un bo papel na regata desta tarde na que é a organizadora.
photo_camera A tripulación de Cesantes tentará realizar un bo papel na regata desta tarde na que é a organizadora.

Tirán Pereira afronta a primeira regata ligueira en mar aberto en augas de Getxo (18:15, G2)

Había un tempo no que as traiñeiras galegas maldicían calquera regata en mar aberto e con mar de fondo. Había un tempo no que, tras aspirar a campionatos de España, chegaba a bandeira da Concha e os botes galegos naufragaban na Bahía de San Sebastián. Adestraban no interior de calquera ría en calma e, despois, pagaban o cambio de escenario. Pero iso eran outros tempos. 
Precisamente, agora, no 2014, Tirán Pereira é unha das traiñeiras que amosa un importante sorriso cada vez que ten que enfrontarse a unha proba con ondas e malas condicións. Quizais porque o actual bote moañés conquistou a súa primeira bandeira na ACT no ano 2011 nun día de ondas de dous metros en Orio. Ou, probablemente, porque as condicións complicadas adáptanse a un bote que se caracteriza por un xesto técnico, de gran finura e conta con David Álvarez na popa, un dos mellores patróns da competición. 
Por este motivo, Dani Pérez, o preparador da "Mar do Con", indica que "temos moitas gañas de que chegue esta regata, queremos que aparezan as ondas e poder divertirnos", explica o preparador e engade que "é un fin de semana ilusionante, esperamos dar batalla ós nosos rivais da zona media e gañarlle". 
En definitiva, a traiñeira de Tirán Pereira parece facer un chamamento as ondas e o movemento, pero parece que non será escoitada. "A previsión e de calma, con moi pouca onda, pero aínda así, esperemos que a que exista se poida aproveitar", engadiu Dani Pérez sobre a regata desta tarde en Getxo. 
Tirán, cuarto na xeral, cos mesmos puntos que San Juan, quinto, ten que defender a súa posición dende a manga de honra onde deberá loitar coas bestas do remo do Cantábrico como son Orio, Hondarribia e Kaiku. Se logra dar traballo a estas embarcacións, seguramente poderá bater a moitas da súa particular liga. É a batalla constante de cada xornada sabatina para os pupilos de Dani Pérez. Unha loita complicada porque, en moitas ocasións, convértese nunha particular contrarreloxo, o que multiplica as dificultades. 
A previsión é de ondas de medio metro de altura e pouco vento, é dicir, mar case en calmo tanto para esta tarde como para mañá na outra beira da zona norte da Ría de Bilbao. Ziérbena acollerá a proba do domingo nun campo de regatas inédito debido á construción dun novo dique que Tirán coñeceu onte: "Imos adestrar alí para intentar ver como pode entrar o mar e como afrontar a regata", explicou Dani Pérez. Sobre o mapa, a situción fala dun mar de costado, pero con protección.

Te puede interesar