atletismo

Oia, popular e tradicional

Os atletas correron por un trazado con herba algo alta, pero sen barro, no cross de San Miguel de Oia.
photo_camera Os atletas correron por un trazado con herba algo alta, pero sen barro, no cross de San Miguel de Oia.

O cross de San Miguel, con máis de 300 participantes, viviu as vitorias de Manuel Hurtado e Ariana González

Terreo con herba alta e sol de inverno. A choiva durante toda a semana apenas afectou ás leiras ó carón do Camiño do Verdello onde onte celebrouse o Trofeo de Campo a Través San Miguel de Oia, que cumpriu a súa cuadraxésima primeira edición. Deste xeito, o terreo estaba en óptimas condicións pola labor feita polo prado de varios centímetros de alto, que evitou a aparición de lameiro. En definitiva, un día espléndido para correr e padecer sobre o manto verde. 
Manuel Hurtado, da Gimnástica de Pontevedra, foi o primeiro en cubrir as cinco voltas cos seus oito quilómetros de percorrido que tiñan que afrontar os participantes nunha proba sénior popular. De feito, a cita do sur de Vigo mantén a aposta por combinar unha disciplina clásica do atletismo federado como é o cross, pero cunha ventá de apertura ós corredores esporádicos, máis coñecidos como 'runners', das carreiras por asfalto. Nesta mistura, que engade color e tamén participación á cita, gañou Manuel Hurtado tras superar nunha fermosa loita a Iván Roade (Bikila) e o luso Nuno Costa (Tambre). Entre as mulleres, a máis rápida foi Ariana González, da Sociedade Atlética do Trega por diante de María Ferreiro (Burgas Ourense) e de Estela Lago (Tria-tlón Mar de Vigo). 
Nesta proba sénior cruzaron a liña de chegada 118 atletas, pero a cita de San Miguel de Oia tamén destaca pola ampla participación de cativos dende a categoría júnior ata os máis pequenos, de prebenxamín e biberón. Nestas competicións, divididas por sexo, competiron 216 corredores, o que elevou á cifra do evento por enriba dos 300 participantes e deixou un ambiente especialmente fermoso ó animarse uns a outros en cada unha das probas. Case todos os atletas tiveron una dose de alento e aplausos.

A xornada estivo marcada pola notable participación de cativos nas carreiras para menores.

A xornada estivo marcada pola notable participación de cativos nas carreiras para menores. 

Te puede interesar