LOURDES CASTIÑEIRA. Presidenta do Club Montañeiros Celtas, nomeado Vigués Distinguido

"É o momento de recoñecer a actividade de montaña"

Lourdes Castiñeira, onte na sede do club xunto ós nenos que se inician na escalada.
photo_camera Lourdes Castiñeira, onte na sede do club xunto ós nenos que se inician na escalada.

Recén cumpridos os 75 anos no 2017, o Club Montañeiros Celtas segue de celebración ó ser recoñecido polo Concello de Vigo como "Vigués Distinguido".

Unha boa razón para achegarse a unha asociación que realizar un labor importante non só deportivo, senón tamén cultural, como explica a súa presidenta, Lourdes Catiñeira.

Supoño que unha ledicia recibir un recoñecemento coma este.
Si, unha alegría e un orgullo. Pensamos que é un recoñecemento a tantos anos de divulgación do deporte da montaña. E non só do deporte, senon tamén a parte cultural, a etnográfica e a social.

É un labor silencioso ademáis. Tal vez por ter unha base social máis que competitiva.
Evidentemente, segue sendo un deporte minoritario, aínda que na federación cada vez se rexitran maior número de licenzas. É o cuarto deporte a nivel estatal. Pero si que é un deporte silencioso. Non sae á prensa porque non hai moita competición e a que hai abrangue moi pouquiña xente.

Foron importantes nese senso da visibilidade os logros de alpinistas coma Sechu López ou Chus Lago?
Si que o foron. Pero aínda que non teñan esa visibilidade, sempre hai socios que fan grandes xestas: ascensións, exploracións, escaladas... Non saltan á prensa como gañar un título de fútbol. Esas actividades son un orgullo para o club e para a persoa que as realiza, porque é unha maneira de superarse deportiva e anímicamente. Normalmente vaise á prensa se alguén necesita patrocinios para esa actividade, como foron os casos de Chus ou Chechu nos últimos anos.

O nome do club leva a pensar que son só montañeiros, pero hai moitas actividades máis, non si?
Por suposto. Temos socios de montañismo, que engloba rutas por media e alta montaña e alpinismo, e logo está a escalada, o mergullo, a espeleoloxía... Cada sección ten certa autonomía no seu calendario de actividades. E logo temos actividades de cultura e promoción adicadas ós nenos pequenos e ás familias para que se familiaricen co entorno, coa natureza, e aprendan a disfrutala e a conservala, porque este sempre foi un aporte moi importante no club.

Unha tarefa na que agardarán que tamén colabore este premio.
Si, é importante porque a actividade de montaña, con todo o que conleva, non estaba recoñecida. Este é o momento. As actividades ó aire libre na natureza sempre estiveron promocionadas por clubes de montaña e sempre foron encaminadas á conservación, promoción e disfrute do medio.

Como se sostén o club?
Sobre todo polas cuotas sociais e logo cunhas pequenas axudas da administración. Subvencións ordinarias de deportes ou para algunha actividade concreta. E ás veces temos sorte e hai algunha axuda extraordinaria, como este ano á do Concello de Vigo polo aniversario, que nos axudou moito. Son gastos extras para os que tes que buscar outra maneira de sufragalos. Teño que recoñecer que ó mellor temos que empezar a pensar doutra maneira, pero ata agora os clubes de montaña non nos adicamos a buscar patrocinios. Porque cando é unha actividade dun grupo, a costea ese grupo. Temos o costume de costearnos nós cada actividade.


Son Vigueses Distinguidos pero, a labor do club limítase a Vigo?
Non. Montañeiros Celtas ten a base en Vigo e os seus inicios foron en Vigo. Pero se mergullas nos arquivos, atopas delegacións que houbo en Varilongo, en Tui, por Ferrol... Eran socios que marcharon e montaron alí a súa semidelegación. Isto foi hai anos. Agora as cousas cambiaron moito e a sociedade móvese máis a nivel individual, non ten esa necesidade asociativa.

Xurdiron clubs no resto de Galicia que tiveron como xerme Montañeiros Celtas?
Home, non vou decir todos porque non é certo. Pero en todos houbo algo. Porque Montañeiros Celtas foi o primeiro en constituirse organizativamente. No inicio, os socios fixeron uns esforzos enormes para poder reunirse, porque non lles deixaban nin era recoñecido. Despois da guerra, para poder seguir facendo deporte de montaña, tiveron que entrar nunha infraestructura que era o Montañeiros Celtas. Co paso dos anos, os socios que marchaban xa tiñan a posibilidade de facer o seu propio club máis pequeño. Agora, o noso club e todo o resto funcionamos moi autónomamente.

E agora mesmo, como está o club a nivel de número de socios?
Dende que cheguei á presidencia, hai seis anos, non notei cambios drásticos. Temos unha media de altas ó ano de 150 ou 160 socios e unhas baixas que fluctúan: 40, 50, 60... Sempre se vai en progresión e nunca hai cifra negativa. Pero non hai un salto como si houbo na federación en número de licencias, que disparouse nos últimos años pola nova disciplina das carreiras de montaña. No club, o número de socios mantense e tamén as actividades. Nos últimos anos tivemos que reinventarnos un pouco porque hai actividades que xa non facemos nós sos, senón que entran moitísimas asociacións. É o caso do senderismo, que fomentan moitísimas administracións, asociacións culturais... As andainas antes eran exclusivas dos clubes de montañeiros e agora xa non.

Falando deses trails ou carreiras de montaña que proliferan, hai confusión en se deben depender das federacións de montañismo ou das de atletismo.
Xa pasou antes con outros deportes. Por exemplo, co descenso de cañóns. A actividade estaba rexistrada pola federación de espeleoloxía baixo o nome de descenso de cañóns e logo a federación de montaña quixo rexistrala como descenso de barrancos. Persoalmente me parecen fóra de lugar todas estas pugnas porque o importante é potenciar a actividade. E agora está pasando nas carreiras, que no atletismo fálase de carrerias de montaña derivadas do cross, e por outro lado as carreiras por montaña, por alta montaña. E non sei moi ben coma tiveron este pulo tan grande, porque é algo desmedido. 

Tal vez polo éxito das carreiras populares.
Si, pero estas as miramos aquí en Vigo, en esta altitude. Pero fanse carreiras a máis de 3.000 metros, incluso trails no Annapurna nos que corren a máis de 5.000 e 6.000 metros. Iso xa non ten que ver co atletismo popular. Como club, temos xente que corre pero meternos a organizar carreiras queda un pouco fóra de lugar. Require 
unha infraestructura económica altísima, aínda que tamén podería ser unha forma de financiación. Igual máis adiante si, pero neste momento non temos pensado facer sección de carreiras por montaña. Potenciar que os socios corran si, pero o outro sería traballar con infraestructuras económicas tipo empresa. Perdería un pouco a esencia de club de montaña.

Falaba da actividade cultural do club, é fundamental nela o idioma, o galego?
Si, si. É fundamental porque é un elemento cultural máis de Galicia. Se non o mantemos, coma no caso das casas das aldeas ou dos pazos ou o medio natural de Cíes ou do Galiñeiro, a onde imos? Non teriamos ningunha base de sustentación da nosa cultura.

Haberá quen pense que os limita.
Para nada. É que tampouco se veta ningún outro idioma. É como un complemento máis. De feito, por sorte temos moitos socios con nenos pequenos que veñen do estranxeiro –temos alemáns, franceses, algún holandés...–, e para eles é unha alegría e unha maneira de aprender máis cousas.n

Te puede interesar