balonmano asobal

A Marea Azul xa é oficial no Gatañal

Xogadores e afeccionados do Frigoríficos realizan unha fotografía tras obter a permanencia o pasado curso.
photo_camera Xogadores e afeccionados do Frigoríficos realizan unha fotografía tras obter a permanencia o pasado curso.

O grupo de seguidores do Frigoríficos afronta o seu primeiro curso como peña 

A Marea Azul leva anos no seu curruncho do pavillón do Gatañal. Alí, na esquina contraria ó banco, era onde se xuntaban os afeccionados do Frigoríficos Balonmán Cangas máis numerosos cos bombos, algunha vez coas gaitas e incluso coas trompetas. Por alí celebraba Suso Soliño algún que outro tanto ó contraataque nos partidos importantes. É un dos clásicos nun pavillón de ambiente excepcional e recoñecido por todo o balonmán español. O que sucede é que ata esta tempada o grupo de seguidores mantíñase no campo do oficioso. Existía, pero sen rexistro nin socios, nin xunta directiva, nin organizadores. Simplemente estaba e funcionaba.
Non obstante, algo mudou ó final do pasado curso, como explica Hugo Rodríguez, un dos seus compoñentes: "Eu ós quince anos xa estaba na Marea Azul, pero o ano pasado, co equipo nunha situación deportiva mala, fixemos algunha iniciativa e foi achegándose máis xente ata o noso curruncho. Pasamos de un par de ringleiras a ser case todo o sector. Aí foi onde comezamos a falar de facer a peña de xeito organizado". 
E así sucedeu ó comezo desta tempada. O grupo xa ten dispoñible os carnés, que irá entregando nos partidos da casa, e conta con 30 membros adultos e outros quince menores. Van cara os cincuenta e, seguramente, os superen ó final da tempada. "No Gatañal acostumamos a ir uns 1.200, que cando hai cheo poden ser 1.800 ou 2.000, que é o límite do pavillón", indica Hugo Rodríguez.
Precisamente, neses días grandes é nos que a Marea Azul toma verdadeira forza. "Temos moitas cancións e incluso imos pulindo as letras nos grupos. Collemos ritmos de temas de actualidade e os mudamos con letras nosas. Entre os maiores éxitos está o "alé, alé, alé", que levanta todo o pavillón ou o himno de Cangas, que tocamos cando ven o gaiteiro á grada", explica Hugo Rodríguez.
O certo é que o curruncho da Marea Azul é unha verdadeira festa con cada encontro do Frigoríficos na casa e, se o enfrontamento é de vital importancia, ós bombos habituais e ós tambores únese a gaita ou algunha trompeta para crear unha caldeira. 
Entre as intencións da Marea Azul está organizar as viaxes a "Santander e Alcobendas porque poden ser rivais directos nosos. Ó final, a liga é o que é, e eses poden ser partidos chave. Despois tamén iremos a Pontevedra a ver o Teucro, pero iso xa non o contamos como viaxe, que está ó lado", indica Hugo Rodríguez. Precisamente, matiza que no curso pasado, no que o Frigoríficos gañou alí, "foi un día moi bo porque duns 2.000, 1.200 eran de Cangas e ademais nese partido xuntousenos moita xente. Ó non estar na vila perderon o medo e a xente de Pontevedra non se escoitaba". 
Historias da famosa Marea Azul que, dende esta ano, xa ten rexistro oficial.n

Te puede interesar