traiñeiras

"Mar do Con" de Galicia

David Álvarez, patrón de Tirán Pereira, ondea a bandeira do Campionato Galego de traiñeiras.
photo_camera David Álvarez, patrón de Tirán Pereira, ondea a bandeira do Campionato Galego de traiñeiras.

Tirán gaña o Galego de traiñeiras cunha renda de dez segundos sobre Samertolameu, que superou a Cabo

Moaña é a localidade histórica do remo galego, onde viven nesa íntima rivalidade Samertolameu de Meira e Tirán Pereira. Onte, no Día de Galicia, o club verde organizou o Campionato Galego, que se converteu nunha fermosa loita entre as dúas embarcacións da localidade polo título absoluto masculino.
Día solleiro, mar azul e algo picado polo vento na Ría de Vigo. Unha particular loita no mediodía de onte que reflicte anos de historia dese enfrontamento íntimo entre as dúas embarcacións da localidade. Rivalidade que, dende fóra, serve para a mellora de ambas. Aínda que limitar unha regata a dous barcos ten certa crueldade, a cita de onte pareceu conmemorar unha data tan sinalada no mundo deste deporte. 
A quenda de honra do Campionato Galego reuniu ás traiñeiras da ACT e a Samertolameu de Meira, que lidera a Liga Galega. Os prognósticos presentaban dificultades, pero no primeiro longo os remeiros da "Mar do Con" de Tirán Pereira amosaron que estaban nas augas de Meira para recuperar un título autonómico que non conquistaban dende 2013. O adestrador preparou a cita con cariño e os seus remeiros saíron motivados á regata. 
Na primeira baliza, a renda do club do Con era de cinco segundos. Unha diferencia notable para un primeiro longo. De feito, Samertolameu, Cabo da Cruz e Ares pasaron no mesmo segundo. No resto de quendas, soamente a actuación de Puebla, segunda da Liga Galega, estaba nos tempos dos botes que pechaban a regata. 
Na baliza de terra, tras un longo máis lento polo vento, "Mar do Con" gañaba un segundo de renda sobre a embarcación local. "A Terca" e Cabo da Cruz mantíñanse nun segundo de marxe e Ares foi a primeira en ceder. O terceiro rego foi o da sentencia da tripulación de Boiro. Podio definido, aínda que Puebla quedou por diante de Ares e a pouco máis de dous segundos de subir ó caixón. 
No referente ós barcos da Ría de Vigo, Coruxo amosou a súa mellor faciana ó asinar a sétima praza. Chapela foi décima e Virxe da Guía deixou a Muros e A Cabana por detrás. Unha satisfacción. 

Mecos gaña, podio de Chapela
A tripulación feminina de Mecos Mondariz cumpriu os prognósticos e levantou a bandeira de Galicia para celebrar o título autonómico. O barco grovense manda este verán en Galicia e onte superou en case medio minuto a Cabo da Cruz. Chapela tentou loitar co barco de Boiro, pero cedeu no segundo longo para conquistar a terceira posición. Unha nova praza de podio para a tripulación feminina de Redondela.n

Te puede interesar