traiñeiras liga act san miguel

"Levaba cinco anos en Kaiku e estaba queimado"

Diego Hermo recalou este ano en Tirán tras pasar por Kaiku.
photo_camera Diego Hermo recalou este ano en Tirán tras pasar por Kaiku.

Diego Hermo 'Xaxa'  (Noia, 1982) chegou a Tirán este inverno tras militar dende 2011 en Kaiku baixo as ordes do mítico e tamén polémico José Luis Korta. Agora afronta un ano máis tranquilo e con aforro de quilómetros.

Por que decidiu cambiar Kaiku por Tirán?
Levaba cinco anos indo alá e as cousas non saían moi ben e estaba canso. Ó final de tempada xa estaba algo queimado e Marcos Peña e David insistían co "vente a remar con nós, vente a remar con nós". Foron un pouco os culpables xunto a que non quería viaxar tanto. Traballo na Coruña e un venres erguíame ás cinco da mañá, traballaba ata as dúas, tomaba o coche e marchaba a Sestao. Ás sete poñíame a adestrar...

Supoño que facer iso compensa se gañas, se non gañas...
En Kaiku a esixencia é alta, algo que aquí non tes. O último ano xa foi complicado porque non saíu nin unha regata ben. O principio de ano non tivemos sorte coas circunstancias e despois xa foi todo mal.  

Que atopou en Tirán?
A xente é diferente porque en Kaiku éramos todos de 1.80 para arriba e aquí non son tan grandes. Son xente máis lixeira. Condiciona o barco e o adestramentos, pero ó final faise máis ou menos o mesmo. Sabía que a esixencia de Tirán non é a mesma que en Kaiku e foi algo que me animou. Non é o mesmo. Alí tiñas que saír a gañar si ou si. Se non acompañan os resultados, o ambiente xa non é tan bo. Agora, as ambicións non son moi grandes. Se acompañan os resultados, mellor, pero se non acompañan saes tamén animado das regatas e o ambiente é o mesmo.  

Entendo que o nivel que alcanzou Hondarribia fai que barcos como Kaiku teñan máis problemas
Hondarribia fai un montón de rotacións e non se notan os cambios. En Kaiku había moita xente, pero trocos tiñamos tres. Se entraban máis, o nivel xa baixaba e iso págase ó final de ano. Ademais, a tendencia é chegar moi afinados ó principio de ano e creo que xa chegabamos demasiado finos. Custaba aguantar.  

Fóra do remo hai unha imaxe de José Luis Korta de home polémico, ¿como trata ós remeiros?
Para mín é como un pai. A imaxe da televisión de mal humor que sae ó público, é puntual. O de mala persoa e mal carácter, nada. Todo o contrario. Eu teño boa relación con el e sen ningunha queixa. Cando cheguei, o primeiro ano, custoume máis entrar no equipo porque non estaba todos os días con eles. Ademais, a idea era que eu non entrara no equipo porque ficharon a Andrei Banica. Cheguei alí e claro, para poder sacar do barco a un campión do mundo, tes que facelo moi ben. Aínda así, non me podo queixar porque eu chegaba dende A Coruña e vogaba unha das dúas regatas do fin de semana. Había xente alí que adestraba todos os días con eles e despois quedaba sempre en terra. Non me podía queixar. Despois fóronme coñecendo e confiando máis en min. De feito, cando cheguei alí fixen unha proba en banco móbil e outra en fixo. Na do móbil ben, pero a outra non foi tanto porque non estaba acostumado. Entón, Korta chegou a chamar a un adestrador coñecido que tiña aquí para preguntar. Pero a segunda xa a fixen ben. 

Chega a Tirán, a esixencia é menor pero atopa a remeiros como Tomás ou Suso Hermelo que xa estaban cando vostede comezou.
A esixencia é menor, pero nós somos un grupo con ambición e queremos estar o máis adiante posible. Coincidín con eles e tamén con Truco, que lémbrome máis del porque tiñamos un pique persoal. El estaba en Mecos e eu en Perillo e loitabamos pola vitoria en tódalas regatas. 
Por que melloraron nas últimas regatas?
Ó principio o adestrador fixo algunhas probas de remos e así, pero agora xa axustou máis o barco. Eu pensei que andaríamos por aí, en metade de quenda e loitar por chegar á de honra. Pero nunca sabes onde podes estar porque no inverno careces de referencia. 

No remo vasco, como se valora a Tirán?
Téñenlle respecto porque o hándicap das viaxes é moi grande. Eles soamente teñen un desprazamento longo ó ano. No meu caso é o contrario porque eu agora viaxo moito menos que antes. Estou mellor, máis fresco e teño unha preparación física distinta. Tamén teño que recoñecer que en Tiran a preparación física é diferente porque aquí a xente traballa e non pode adestrar tanto porque despois ten que cumprir no posto laboral. É algo que condiciona. 

Nota ós compañeiros máis motivados esta semana. 
O fin da semana pasado xa comentaban que tocaba a regata da casa e que había que facelo ben. É unha semana especial e na que gusta facelo ben. 

Como se xestiona facer un 80% dos adestramentos en soidade?
É o peor. Se tes un compañeiro sempre pode ir tirando por ti. Pero ti so, algunhas veces non estás ben, e faíse moi complicado aguantar sen parar. Co tempo o xestionas mellor, pero de máis rapaz era máis doado que escaneara un pouquiño.

Te puede interesar