liga act san miguel

Imos a destapar a verdade

Meira xógase moito nesta fin de semana en Galicia tras o mal comezo de tempada en Málaga.
photo_camera Meira xógase moito nesta fin de semana en Galicia tras o mal comezo de tempada en Málaga.

As regatas de Sanxenxo (18:00, G2) e Moaña (mañá, 12:00) situarán a Samertolameu e Tirán no seu nivel real

O domingo ó mediodía quedarán moitas dúbidas resoltas. As Rías Baixas acollen a primeira fin de semana de remo no norte de España da Liga San Miguel e tamén a primeira con dobre xornada. Tras un inicio abafante en Málaga sobre un Mediterráneo totalmente calmado, as rías galegas e o seu habitual vento molesto porán a cada traiñeira no seu lugar e se despexarán algunhas das incógnitas da primeira regata. 
Unha das principais pasa por Samertolameu de Meira. O equipo adestrado por José Ferral debe amosar esta tarde en Sanxenxo e mañá en Moaña que ten opcións de loitar pola permanencia. Isto non significa que o bote de Moaña vaia a gañar ou a quedar na cuarta posición, pero ten que mellorar e, polo menos, evitar a última praza en algunha das regatas e, se é posible, nas dúas. Se o consegue, terá a esperanza de loitar todo o verán; se non reacciona e volve a quedar na última posición e nas diferenzas de Málaga, a tempada de regreso a élite pode ser un tormento para "A Terca". Pedreña, hai doce meses, afundiuse de xeito completo e xa non amosou a cabeza en todo o verán. 
Probablemente, Samertolameu é o equipo que máis se xoga na dobre cita das Rías Baixas, mentres que Tirán Pereira chega sen presión, pero sen marxe para os descoidos. O adestrador da "Mar do Con", José Ángel Cambados 'Truco', recoñeceu que "as sensacións da primeira regata foron moi boas, pero tamén sabemos que a igualdade é extrema. Se fas unha boa regata podes estar na quenda boa e se sae mal podes ser último".
Deste xeito, o equipo moañes terá a intención de sumar unha boa presada de puntos esta fin de semana e, especialmente, facer unha boa regata mañá (12:00, G2) no peirao do Con, ante o seu público, onde acadou a vitoria en 2013. Pero iso serían palabras maiores.
Antes, esta tarde, a cita é na turística Sanxenxo, na praia de Silgar e cun ollo posto na previsión meteorolóxica. Os poucos datos que trascenderon dan que o vento será inestable e cambiante. Polo tanto, isto garante que producíranse modificiacións nas condicións do campo de regatas, pero queda por determinar a quen favorecen. Unha desas lotarías do verán. 
Samertolameu vogará na quenda inicial con Ziérbena, que tamén asinou un mal inicio de curso, Portugalete e San Pedro. Deberá loitar por gañar a algúns dos rivais directos e, incluso, por reducir distancias coas tripulacións da quenda intermedia. Precisamente, a pugna nesta parte da clasificación promete ser espectacular debido á igualdade, o que facilita o cambio de posicións continuo. Tirán-Pereira terá a oportunidade de baterse proa con proa cos seus principais rivais. 
Para o domingo quedará a regata de Moaña no peirao do Con e cunha previsión de vento forte do norte que pode condicionar a regata. Se se cumpre, na Ría de Vigo aparecerá esa ola curta en dirección contraria á bocana da ría que incomoda de xeito notable o traballo dos remeiros e provoca unha especie de mar revolto complicado de adiviñar. Debería favorecer ás embarcacións locais, aínda que realmente é unha cuestión de adaptación.
Para esta fin de semana tamén queda pendente se a Liga San Miguel pasa a converterse de xeito case definitivo nunha cousa de Urdaibai e Hondarribia ou tamén teñen opcións os galos de Orio e Kaiku. Tras quedar lonxe en Málaga nas augas do sur, deben acurtar diferenzas no norte. Aínda así, a tempada é moi longa.

Te puede interesar