terceira división

Igualdade e fortuna canguesa

O Alondras logrou a vitoria no encontro de onte ante o Rápido e ascende á cuarta posición.
photo_camera O Alondras logrou a vitoria no encontro de onte ante o Rápido e ascende á cuarta posición.

O Alondras logrou a vitoria nun partido igualado ante o Rápido de Bouzas cun tanto na súa portería de Portas

Uns determinados partidos poden marcar unha tempada e o xogado onte polo Alondras e o Rápido de Bouzas así o pode determinar. O equipo de Cangas derrotou ó vigués para ascender ata a cuarta posición e deixar ó seu rival a cinco puntos, na undécima praza. 
O equipo local, coas baixas de Andrés e Mauro, apostou por Gustavo Souto e Joni na punta do ataque mentres que Jorge Otero optou por prescindir do corpulento Tomás para tratar de sorprender cun ataque máis dinámico a defensa do Alondras. Estas foron as intencións de ámbolos dous equipos pero o certo é que, durante moitos minutos, os sistemas defensivos gañaron a partida ó xogo combinativo. Deste xeito, as ocasións foron escasas e os dous técnicos optaron por mover o banco ó cuarto de hora do segundo tempo.
Non obstante, o que máis determinou o encontro foi o segundo cartón amarelo que viu Sergio Santos ó redor do minuto vinte da reanudación, polo que o Rápido quedou en inferioridade e o equipo de Cangas tratou de aproveitar o feito para facerse coa posesión e buscar os tres puntos. 
Os vigueses estaban ben na faceta defensiva e contiveron o ataque ata o tempo de desconto, no que chegou a acción que desequilibrou o partido e deixou a vitoria en Cangas con algo de fortuna para os locais. 
Nunha xogada por banda, o equipo do Morrazo puxo o balón no área, chegou Joni para tentar controlar ou rematar co peito, Portas meteu a perna para despexar e o esférico rematou por facer unha parábola por enriba de Sergio Ríos para chegar ó fondo da portería do Rápido.
Un gol no tempo engadido tras un encontro de moi poucas ou ningunha ocasión clara. En definitiva, unha diana que permite ó Alondras meterse de novo nos postos de promoción de ascenso a Segunda B e deixa ó Rápido no ecuador dunha clasificación moi igualada. Tanto ou máis que o partido de onte vivido no campo do Morrazo entre cangueses e vigueses.

Alondras: 
Martín, Castilla, Javi, Chichí, Toni, Rubén, Pitu (Iván, min. 82), Pablo Berros, Gustavo Souto (Firi, min. 61), Leiro (Richi, min. 85), Joni.
Rápido de Bouzas:
Sergio Ríos, Portas, Cotilla, Castro, Yago Yao, Sergio Santos, Miki (Oki, min. 87), Iago Paz, Carlos Pereira (Pablo García, min. 72), Diz, Yavhé (Tomás, min. 60).
Gol:
1-0, min. 92: Portas, en propia porta.
Árbitro:
Espasandín Cores. Expulsou a Sergio Santos por dous cartóns amarelos (min. 63). Amonestou a Leiro e Joni polo Alondras e a Cotilla, Castro, Iago Paz e Diz polo Rápido de Bouzas.
Incidencias:
Partido correspondente á décimo cuarta xornada disputado no campo de O Morrazo que rexistrou una magnífica entrada con arredor de 600 persoas na grada. 

Te puede interesar