traiñeiras

Hernani con mar galego

María Álvarez e Rita Rodríguez, coa traiñeira de Hernani no Campionato de Gipuzkoa.
photo_camera María Álvarez e Rita Rodríguez, coa traiñeira de Hernani no Campionato de Gipuzkoa.

María Álvarez e Rita Rodríguez, de Tirán, vogan na traiñera vasca

Algunhas cousas soamente poden pasar no País Vasco. Unha delas é que un concello sen mar como Hernani teña un club de remo. Se isto xa é algo pouco habitual, que esta entidade aposte por incorporar dúas remeiras de Tirán Pereira aínda é máis improbable. 
María Álvarez e Rita Rodríguez, procedentes de Tirán Pereira, disputaron o pasado mércores o Campionato de Gipuzkoa e mañá e o domingo afrontan a regata clasificatoria da Liga Euskotren. 
María Álvarez explica que "queriamos facer a tempada de traiñeiras e Suso Núñez (delegado do club moañés) estivo preguntando no País Vasco e apareceu Hernani como club interesado. Vimos as condicións e viñemos para aquí porque en Galicia soamente existen tres traiñeiras e a competición é menor. Ademais, se entrabamos en Chapela non tiñamos opción de acceder á Liga Euskotren ou á Concha". O primeiro reto será este fin de semana e Hernani, unha traiñeira chea de mocidade, conta con poucas opcións de quedar entre os tres primeiros, pero "intentaremos entrar. O barco mellorou moito dende que chegamos. Se non podemos, prepararemos a Concha". Este ano a mellor regata do mundo das traiñeiras mudou a normativa e estarán oito embarcacións na regata feminina. Aí debería clasificarse Hernani sen moitos atrancos. 
Pola súa banda, Rita Rodríguez explica que "non fixemos ningunha viaxe previa. A confianza foi total nas xestións de Suso Núñez. Atopou o que queriamos e as compañeiras acolléronnos moi ben". Os problemas foron por cuestións deportivas xa que "custounos bastante porque a forma de vogar é diferente. Agora xa nos adaptamos, pero os primeiros días foi difícil porque nós tiñamos outra técnica dende que comezamos e temos que modificala. O preparador sacounos ó mar dende o primeiro día. Díxonos todo o que era preciso modificar para adaptarnos a eles e, tanto en terra como no mar, parouse con nós. Agora apenas notamos diferenzas. Hernani busca menos auga no inicio da pada e despois utilizan máis os brazos no final. É un xesto bastante máis longo", explica a remeira.
En todo caso, María Álvarez e  Rita Rodríguez viven un curso acelerado de remo en mar aberto e tamén unha experiencia vital ós 20 anos de idade. Comparten piso a dez minutos de San Sebastián e "xa temos unha listaxe de sitios que visitar", recoñece Rodríguez. Hernani, localidade de 19.000 habitantes, con club de remo no río Urumea e dúas galegas.n

Te puede interesar