LUIS PAZOS. Remeiro de Samertolameu de Meira

"Gústame apertar ós novos para que me esixan a min"

Luis Pazos sumou unha Liga Galega ó seu amplo palmarés de vitorias.
photo_camera Luis Pazos sumou unha Liga Galega ó seu amplo palmarés de vitorias.

Luis Pazos (Marín, 16 de novembro de 1968) conquistou ós 48 anos a Liga Galega de Traiñeiras con Samertolameu de Meira e disputou o 'play-off' de ascenso a Liga ACT.

Non subiron a pesar de rematar contento, pero xa pensa en seguir un ano máis porque "aínda teño cinco de remo", bromea. 

Como vai para manterse con ilusión ós 48 anos?
Manteño ilusión e este ano era un proxecto novo con Dani de adestrador e quería estar con el. Quería ascender, pero non puido ser. Agora estou nese mes que todos o queremos deixar, pero penso continuar un ano máis. Creo que aínda quédanme cinco anos bos... Atópome ben e o importante é que responda a cabeza. Por moito físico que teñas, se a cabeza di non, non hai forma de seguir. 

E o día a día?
Cada día de adestramento para mín é como un día de traballo que teño que facelo o mellor posible. Como levo tantos anos, xa sei cales son os meus números e sei cando estou ben ou mal. Tamén sei cando non sae ben unha tempada. O importante é manter a constancia día a día. 

É unha referencia para os novos?
Un pouco si, porque eles queren coñecer historias e eu sempre conto historias e anédotas que vivín. Cando adestro con eles sempre intento pinchalos para que tiren do carro. Incluso, cando estamos no remoérgometro obrígolles a que saquen a camiseta para escorregar a súor. Así dígolle, botei o dobre ca ti. O que pasa é que os rapaces de agora están máis acomodados que antes. Cando eu era pequeno estaba todo o día na rúa. Estaba coa bicicleta, a carrilana, as bolas, a correr... Remataba o curso e xa estabas pensando en acarretar leña para a fogueira de San Xoán. Agora non están con estas cousas, andan menos na rúa. 

Agora chegan con catorce anos ó club e apenas fixeron deporte.
Claro. Mesmo na escola. Antes existía máis competencia. Agora teñen todo máis feito, non existe esa ansia. Tamén é certo que é outra época. Sempre sae alguén competitivo, pero falta un pouco de maldade. A mín gustame apertar ós novos. Así tamén mantéñome eu en forma e obríganme a min a estar ó máximo. A miña ilusión e que veña un rapaz co cronómetro na man, con números, e dígame: agora tes que baixarte do barco. Se é así, ireime para a casa tranquilo porque haberá relevo e deixareino en boas mans. 

Nota que falta relevo no remo galego?
Iso pasa e non é por falta de canteira, porque bateis hai moitos. O que pasa é que agora chegan ós 16 e 17 anos e non teñen a ilusión que tiña eu daquela por subir á traiñeira. A min facíame moita ilusión. Saín de Marín, que non tiña nin traiñeira, e viña ata Tirán nunha bicicleta BH para adestrar durante o verán. Outros días a dedo... 

O que si mudou foron os adestramentos.
Si, cando comecei facíanse auténticas barbaridades. Eran adestradores que non están preparados como os de hoxe, que teñen Inef e uns estudios. Antes viña un e dicía, hoxe tocan marcas, e ías de Cangas ata a Ponte de Rande... Adestrábase moito máis, pero non sabían o motivo de facer as cousas. Agora vai todo por ciclos de carga e descarga. Saben cando queren ter un pico de forma e cando teñen que estar ben os remeiros. Antes era o mesmo, tanto daba adestrar para o Campionato de España que para a regata de sete parroquias. 

Por que tiña ganas de adestrar con Dani Pérez?
O adestrador merecía o ascenso. É un bo tío, sabe moito de remo e cada vez aprende máis. Non soamente conta o que sabe o adestrador, tamén tes que ter un bo equipo e aquí estás moi limitado. Na Ría de Vigo hai moitos equipos e pouco onde escoller. A verdade é que el merecía o ascenso despois do ano en Astillero, no que foille mal no persoal. Tiña toda a ilusión e a verdade é que fixo un bo traballo. O fixemos ben no 'play-off' e eu rematei moi contento coas dúas regatas, pero atopamos traiñeras que foron superiores e non puido ser.

Existía máis nivel que outros anos?
Outros anos coincide que soamente hai un barco vasco forte e cólaste. No outro ascenso de Meira, hai catro ou cinco anos, soamente existía un praza e subimos. Pero este ano Donostiarra e Santurtzi eran dous proxectos moi fortes. En Santurtzi había tres remeiros que gañaron a Concha comigo en Urdaibai. Estaba o patrón de Kaiku...

Como levou o troco de baixarse de Urdaibai e volver a Liga Galega?
Tomei a decisión por motivos laborais porque ofrecéronme un traballo e xa estaba canso de estar fóra da casa. Eran moitos anos nos que soamente viña a casa en Semana Santa e Nadal e rematas queimado. Cando volvín non contaba con seguir remando, o que pasa é que apareceu a oferta de Meira para continuar e tamén pasou que gañei vinte kilos en dous meses. Tiven que volver ó deporte porque ia camiño de ser o boneco de Michelín. Xa era unha necesidade. 

Agora xa non se pon un límite.
Xa non penso a longo prazo. Agora vou ano a ano. Sempre comezo coa máxima ilusión e todas as tempadas que comecei, sempre rematei. Nunca o deixei na metade. Algúns inician forte, pero despois paran. Se pasas Semana Santa, xa deixas atrás o máis duro. 

Chama a atención que aínda celebra con gañas as vitorias?
Claro que celebro, porque cada vitoria ten o seu traballo. Aínda que non sexa unha regata da Concha hai que suar e traballar todo o ano para levarse unha bandeira en Galicia. Tes que adestrar todos os días e renunciar a moito. Sei o que costa gañala e gústame celebralo cando se consegue.  

Cando mira unha Concha pola televisión, veñen recordos á mente?
Claro, todos os anos e ademais aínda teño a moitos amigos loitando. Este ano, en Orio, chamei a un dos remeiros porque foi o primeiro que atopei cando marchei a primeira vez a Astillero. Agora está alí. Feliciteino, como outros anos fixen cos do Urdaibai, onde aínda me quedan moitas amizades. A primeira vez que marchei a Astillero foi porque vin un anuncio no periódico que buscaban xente forte. En inverno marchei para alá cargado de ilusión. Non coñecía a ninguén. 

Iso xa foi hai uns vinte anos. 
Despois volvín a Tirán dous anos e marchei de novo para alá, que foi cando estiven máis anos. Aquí en Tirán acadamos cousas, pero apetecíanme novos retos. Por iso naquel momento decidín sair. O que me quedaron de todos estes anos foros os amigos. En Bermeo, por exemplo, estiven dous anos alí pero o trato foi excepcional. Coñécenme máis alí que no meu pobo. 

O negativo foron os líos coa dopaxe. 
É o máis negativo porque ó final saiu que nós non tiñamos culpa, pero o borrón está aí. Non sei que máis dicir. Comecei a vogar no ano 1984 e soamente parei un ano, no 94. En todos estes anos nunca din positivo en ningún control.n

Te puede interesar