traiñeiras

A Guía recibe ás traiñeiras

"A Punta" acabou en quinta posición na regata da ETEA do ano pasado.
photo_camera "A Punta" acabou en quinta posición na regata da ETEA do ano pasado.

A praia da Punta acolle a II Bandeira Illas Cíes co equipo organizador como pechacancelas

O barrio vigués de Teis viste hoxe (18:00) as súas mellores galas para acoller, na ensenada da ETEA, ó lado da praia da Punta, a segunda edición da Bandeira Illas Cíes. A regata, organizada polo Virxe da Guía, é a quinta proba do calendario da Liga B da LGT –Liga Galega de Traiñeiras–.
O clube organizador ten unha nova oportunidade para sair da última praza que ocupa dende o comezo da Liga. A Guía rematou en última posición en tódalas regatas pero non ten demasiado lonxe ó penúltimo barco, o de Esteirana, que ten sete puntos polos catro da traíñeira de Teis. Moito máis lonxe aparece, na antepenúltima posición, Vila de Cangas con 17 puntos. Os morracenses están metidos de cheo nunha loita na parte central da táboa na que hai cinco conxuntos en nove puntos. 
A cabeza é unha batalla pechada entre o filial de Cabo da Cruz, líder e máximo favorito a rematar o curso como campión, e Muros, o aspirante a desbancar ós boirenses. Tan so tres puntos separan ambas embarcacións e nunha loita tan igualada, cada proba é unha final.
A disputa comeza ás 18:00 horas, cun sistema de regata en liña en tres tandas, distribuidas segundo a clasificación xeral da Liga. O percorrido total, de 5.556 metros, estará repartido en catro longos e tres ciabogas. A Guía remará na primeira delas xunto a Esteirana e Virxe da Guía, antes das outras dúas tantas cos seis primeiros. A motivación de bogar fronte a súa xente e no seu campo de regatas habitual é o pulo que o equipo morado precisa para saír do fondo.
A da Guía de hoxe será a primeira cita da Liga B na fin de semana. Mañá, a competición desplázase ó concello coruñés de Oleiros para disputar a sexta proba do calendario da Liga B e a cuarta da feminina. As rotacións volverán a ser clave nunha fin de semana con doble regata, con apenas quince horas de descanso entre ambas.
 

Te puede interesar