CARMEN PRELCHI. Xogadora viguesa do Granollers

"O Guardés vai saír a morder apoiado no público"

GRANOLLERS 17/02/18 COPA D ELA REINA KH7 BALONMANO GRANOLLERS  - MECALIA ATL GUARDÉS
photo_camera GRANOLLERS 17/02/18 COPA D ELA REINA KH7 BALONMANO GRANOLLERS - MECALIA ATL GUARDÉS

Carmen Prelchi (Vigo, 23 de agosto de 1999) milita no Granolles, que esta noite defende oito goles de renda tras gañar ó Guardés (28-20) no partido de ida dos dezaseisavos de final da Copa da Raíña de balonmán.  

Esperaban gañar por oito goles ó Guardés?
Tiñamos claro o que había que facer e sabíamos que podíamos loitar. Xa o fixemos en liga na súa casa e queríamos aproveitar o factor campo para obter un bo resultado. Miramos o que saiu ben no encontro da Sangriña en liga e tratamos de explotar aqueles aspectos ós que podíamos sacar rendemento. En base a iso traballamos. 

E saiu todo ben
Non esperabamos obter tanta vantaxe. Saíron as cousas, o aproveitamos e estamos contentas.  

Que falaron despois do partido?
No partido de liga, no que perdemos de un gol na última xogada, quedamos con rabia. Como sabíamos que quedaban dous máis, sabíamos que tiña que ser a base para que non volvese a suceder e así foi. Cando íamos con tres goles de vantaxe, estabamos a ser superiores, pero sabíamos que canto maior fora a renda ía ser mellor para nós. Por iso, seguimos loitanto. O Guardés é un gran equipo e tiñamos que aproveitar as nosas oportunidades e tamén cando elas non estaban nun bo momento. 
Que ambiente esperan?
O ambiente sempre é especial e máis o será neste encontro. Sabemos que o pavillón vai estar cheo. O temos claro e tentaremos aproveitalo e gozar. Tamén que a xente que acuda poida ver un bo partido de balonmán. Nós non temos ningunha presión. O partido é novo, co marcador que comeza 0-0. Temos unha vantaxe, pero se pensamos nos oito goles, podemos perder perfectamente. O afrontamos como un partido máis e coa intención de manter o xogo dos dous anteriores.  

Notarán a presión da grada?
Iso tamén é o bonito do balonmán. Os partidos así, con moita xente e tensos, gústanme.  

Esperan un Guardés especialmente intenso no inicio do partido?
Tal e como remataron o sábado, estaba claro que van saír a morder, que se van apoiar no ambiente do pavillón para tentar aproveitar as súas opcións e irán a tope os sesenta minutos. Nós tamén o faremos. 

Que equipo atopou en Granollers?
Atopei un equipo con moita mocidade, que acolleume cos brazos abertos dende o primeiro momento e o adestrador deume bastantes oportunidades. Estou moi contenta porque confía en min e aprendo moito. Onde máis xogo é en defensa. Era unha faceta que, en teoría, non se me daba tan ben, pero estou aprendendo moito e estou moi cómoda. Era algo que non imaxinaba hai un par de meses. 


Queda o ataque, pero coa súa idade non se pode pedir moito máis.
Claro, estou xogando con dezaoito anos bastantes minutos na División de Honra. Non teño queixa. Ó chegar dixeronme que querían que defendese no centro, pero foi algo que xurdiu. Atópome moi cómoda con Kaba Gassama na defensa e saiu por si so.

Precisamente a súa compañeira Gassama marca o xogo de ataque do Granollers. 
É unha gran pivote e o equipo está xogando moi ben con ela. 

A Copa é a competición máis importante para o Granollers?
Creo que temos un bo equipo, con grandes xogadoras, pero creo que aínda somos moi novas en xeral. Os equipos que están por enriba nosa son máis expertos, con xogadoras con experiencia. A nós cústanos moitos partidos. Pola súa parte, a Copa é especial, diferente, e témoslle moitas ganas. 
Como é o seu día a día?
Resido no piso do club, que comparto con catro compañeiras máis. Madrugo para ir á universidade pola mañá, estou facendo un dobre grao de INEF e fisioterapia. Polas tardes, dous días á semana, levo un equipo de benxamín feminino e, ó rematar, vou a adestrar. Tempo libre non teño, pero gústame todo o que fago. 

Pode levar os estudos ó día?
Ata agora si. As materias do primeiro trimestre saqueinas todas con boas notas. O obxectivo é sacar curso por ano. É certo que teño que faltar por partidos ou por convocatorias da selección, pero estou tento facilidades e o compaxino ben. 

Supoño que fala moito coa súa nai, María Prelchi (presidenta do Seis do Nadal).
É o meu principal apoio. Está preocupada polo Seis do Nadal porque tiñan un reto complicado e están na última posición. Teñen xogadoras con experiencia, pero outras moitas que chegaban dende xuvenís. Creo que os resultados non están sendo xustos porque levan partidos controlados, pero ó final, coa tensión e a necesidade, vaille na súa contra. O Seis do Nadal, para as dúas, sempre estará con nós.n

Te puede interesar