división de honra xuvenil

Goles para o liderado

O Celta superou onte con claridade ó Val Miñor na Madroa.
photo_camera O Celta superou onte con claridade ó Val Miñor na Madroa.

O Celta supera ó Val Miñor de maneira contundente e accede á primera posición da táboa

Pouca historia tivo o enfrontamento entre o Celta e o Val Miñor no campo da Madroa. O equipo de Nigrán, unha tempada máis, amosou un nivel baixo no encontro de rivalidade e quedou patente que os xogadores de Álex Villar teñen problemas nos partidos que se disputan na Madroa.
Onte ofreceron un rendemento moi baixo ante un Celta inspirado no xogo colectivo e que tivo capacidade para aproveitar as súas ocasións na primeira metade para rachar o partido e asegurar unha vitoria cómoda que sirve para situarse no liderado do grupo I de División de Honra. 
A formación céltica tivo o balón e o dominio claro antes do descanso. Pampín adiantou ós locais na primeira acción de ataque do Celta e o Val Miñor non se recuperou do golpe. Antes de chegar ó cuarto de hora, un disparo dende a frontal supuxo unha tarefa pesada para Raúl, que non rematou de parar o esférico e chegou Ton para recoller o rexeite e facer o segundo tanto ante a impotencia do porteiro.
Un erro claro do defensa que, por outra banda, careceu de responsabilidade no terceiro tanto. Álex Rey recibiu na frontal do área con facilidade, probablemente máis da recomendable, para recortar ó seu par e poñer o balón na esquina da portería visitante. Tres goles para resolver o partido do Celta en pouco máis de media hora de xogo. O Val Miñor tivo unha falta directa como única ocasión e estaba completamente desbordado. Sen capacidade para combinar, sen lograr tapar o ataque céltico e moi incómodo en todas as facetas do xogo. Mal día.
Despois de tres goles locais, chegou unha tímida reacción da formación dirixida por Álex Villar. Ezpeleta foi o que superou a Pablo Vázquez, pero o tanto quedaría nunha anécdota tras o descanso. Lonxe de chegar unha reacción do equipo de Nigrán, chegaron os tantos de José Sobrido no segundo acto. O dianteiro, suplente nos dous últimos partidos, saltou ó terreo de xogo con intención de recuperar un posto no equipo titular e superou por dúas veces ó porteiro Raúl para elevar a conta ata os cinco goles. O Celta accede ó liderado cunha goleada.

Celta:
Pablo Vázquez, Carlos, Riki, Juanma, Salgueiro, Martín, Pampín, Álex Rey (Pedro, minuto 77), Ton (José Sobrido, minuto 63), Alberto (Óscar, minuto 70) y Aaron (Gabri, minuto 74).
Val Miñor:
Raúl, Adri (Bou, minuto 63), Chema, Trapero, Marcos, Nacho, Edu (Pei, minuto 65), Marquitos, Escobar (Jano, minuto 77), Ezpeleta y Anxo.
Goles: 
1-0, min. 1: Pampín; 2-0, min. 12: Ton; 3-0, min. 32: Álex Rey; 3-1, min. 37: Escobar; 4-1, min. 68: José Sodrido. 5-1, min. 85: José Sobrido. 
Árbitro: 
Iglesias Melón. Amonestou a Riki polo Celta e a Marcos polo Val Miñor. 
Incidencias:
Partidos disputado na Madroa. 

Te puede interesar