FúTBOL

Un gol no inicio do segundo acto e os erros do Femarguín facilitan a clasificación local

As xogadoras do Olivo agradecen o apoio da su afección ó término do partido disputado onte no campo Manuel Pahíño de Navia.
photo_camera As xogadoras do Olivo agradecen o apoio da su afección ó término do partido disputado onte no campo Manuel Pahíño de Navia.

Táctica, técnica, formulacións, vídeos, estratexia. Moitos son os factores que inflúen no deporte e no fútbol. Todos estes aspectos os ten que controlar, estudar e tentar explotar un adestrador. Non obstante, nalgunhas ocasións este conxunto de elementos parecen converterse en algo secundario e onte, no Pahíño de Navia, o Olivo pasou a eliminatoria cunha explicación tan sinxela como efectiva. Tiña a mellor xogadora sobre o terreo de xogo e contou coa fortuna do seu lado para solucionar un partido que, por ocasións, non mereceu gañar. Cómpre matizar o das ocasións porque xogo elaborado case non tivo o equipo vigués e tampouco o canario. Demasiada tensión, demasiado en xogo. 
Co 2-1 do partido disputado en Canarias, as olivas tiñan as contas claras. Tiñan que marcar un gol para poñerse por diante da eliminatoria e o tanto chegou no primeiro minuto da segunda metade. Foi nunha xogada por banda, con centro ao área sen excesivo perigo no que Carol buscou o remate ante á defensa visitante. Non atopou o balón pero molestou o suficiente para un mal despexe. E por medio da conxunción máxica, da fortuna que algunhas veces se precisa para gañar, o esférico saíu botando dentro do área cara a posición de Sara Tui, cara o pé dereito que tiña máis fútbol sobre o céspede artificial de Navia. Dentro do área, case sen oposición, a mediocentro tudense das olivas puxo o esférico ó lado do poste dereito da portería de Acoraida. 
Anteriormente, durante toda a primeira metade, o enfrontamento transcorreu por sendeiros de balóns longos e precipitación. O Olivo porque pagou a presión visitante e unha certa dose de precipitación e o Femarguín porque vive nese estilo. Non buscou a combinación nin a precisou. As ocasións, escasas, existiron para os dous equipos aínda que as dúas máis claras tiveron acento canario. Un disparo moi cruzado que sacou Sara Tui no área pequena e un potente disparo de Brenda que golpeou o pau de Sheila.
Tralo descanso e despois do gol, as olivas entraron nunha especie de intento de aguantar a vantaxe que tardaron máis de dez minutos en procesar e que estivo cerca de aproveitar o Femarguín. Andrea Mirón sacou un remate de cabeza debaixo da portería tras unha mala saída de Sheila e a cancerbeira desquitouse un minuto despois cunha man prodixiosa.
Un pouco máis tarde Celia enviou un disparo ó longueiro e Sheila fixo números para perder a eliminatoria cando, no afán de gañar segundos, tardou moito en recoller un balón e Celia meteu a punteira. O esférico rematou na rede, pero o árbitro asubiou falta. Xusta para algúns, inexistente para outros. Apreciouna e clasificación.

Olivo: 
Sheila Fernández, Lore, Andrea Mirón, Vicky, Andrea Mariño 'Drus' (Ceci, min. 72), Carla Otero, Pauleta, Sara Tui, Xeila Márquez (Carla Otero, min. 72), Natalia Sánchez, Carla González e Carol. 
Femarguín:
Acoraida, Cora (Carla Padilla, min. 65), Iris (Celia Ruano, min. 55), Zuleica, Brenda, Cassandra, Cynthia (Chadaida, min. 61), Abenchara (Nayara, min. 71), Astrid, Rosa Ramírez, María Medina. 
Gol:
1-0, min. 46: Sara Tui.
Árbitro:
Uxío Caamaño Vázquez. Expulsou por dobre amonestación a Cassandra (min. 82). Amosou cartón amarelo a Lore e Carla Otero polo Olivo e a Cora Zuleica, Abenchara, Astrid e María Medina polo Femarguín. 

Te puede interesar