terceira división

Gabi Misa, con dous goles, asina a vitoria do Choco

Marcos Pérez trata de controlar o esférico ante a mirada dun opoñente.
photo_camera Marcos Pérez trata de controlar o esférico ante a mirada dun opoñente.

O equipo de Redondela supera ó Negreira e avanza ata a décimo cuarta posición

Día para o balón parado no campo de Santa Mariña con protagonismo para o mediocentro Gabi Misa. O futbolista do Choco anotou dous goles na vitoria do equipo de Redondela ante o Negreira para acadar a cuarta nos últimos seis enfrontamentos, o que permite ó equipo redondelán subir ata a décimo cuarta posición e dispoñer dunha marxe de cinco puntos sobre o descenso. 
Onte ante o Negreira foi un enfrontamento no que Marcos Montes apostou por Félix de dianteiro centro con Ricar na banda ante as molestias físicas de Silva. Os problemas tamén enviaron ó banco a Caloi, aínda que dianteiro e centrocampista entraron ó campo na segunda metade.
O primeiro tanto de Gabi Misa chegou a nove minutos para o descanso, cando transformou unha falta dende a frontal do área un pouco caída ó lado esquerdo. Entrou bicando a longueiro. 
A segunda metade comezou con vitoria local pola mínima e a resolución tardou case media hora en chegar. Ricar adiantouse ó defensa no área cando iba a despexar. Atopou a perna do atacante local. Pena máxima e transformación de Gabi Misa, nunha tarde coa bota quente. O Choco, paso a paso, afástase da zona baixa.

Choco:
Cortegoso, Gonzalo, Javi González, Lucas, Gándara, Alberto Suárez (Moli, min. 84), Marcos Pérez (Caloi, min. 64), Gabi Misa, Comis, Ricar (Silva, min. 73), Félix. 
Negreira:
Mario Barreiro, Pignol, Rendo, Roberto Amoedo, Santaló, Cao, Cea (Pedrosa, min. 80), Juan López (Liñares, min. 67), Tato (Sergio González, min. 59), Betúa, Stefan. 
Goles:
1-0, min. 36: Gabi Misa; 2-0, min. 73: Gabi Misa, de penalti. 
Árbitro:
Alexandre López. Amosou cartón amarelo  a Cea, Santaló, Stefan, Rendo e Pignol.
Incidencias:
Partido correspondente á vixésimo sexta xornada en Terceira División disputado no campo de Santa Mariña.  

Te puede interesar