balonmán

Unha felicidade case completa

África Sempere, que anotou sete goles, prepara o lanzamento a portería dende a posición de pivote.
photo_camera África Sempere, que anotou sete goles, prepara o lanzamento a portería dende a posición de pivote.

O Mecalia Guardés derrota ó Bera Bera e sitúase como colíder na División de Honra a falta de catro xornadas

A Guarda é unha vila feliz este fin de semana. Gañou o seu equipo, o de División de Honra de balonmán e está na segunda posición da táboa. Máis, a felicidade non é absoluta, non chega ó éxtase porque faltou alcanzar a renda de seis goles a favor. Sería rematar a xornada no primeiro posto, cos mesmos puntos, pero por enriba do seu rival de onte na Sangriña, o Bera Bera. Non obstante, a liga aínda non rematou e quedan catro capítulos por vivir, episodios que son de extrema dificultade para unha formación vasca que vive un calvario de mala fortuna en forma de lesións.
O epílogo será no mes de maio, pero onte, sobre a pista da Sangriña viviuse un partido de balonmán de enorme nivel entre os dous mellores equipos do balonmán feminino español: Bera Bera e Guardés. 
A formación vasca, acostumada a enfrontamentos decisivos, estivo máis acertada nos primeiros minutos e, sobre todo, tirou de contragolpe e transicións rápidas para establecer as primeiras vantaxes ante un Guardés que non remataba por atopar o ritmo de ataque. Rendas de tres goles para as vascas ata que varios factores mudaron o partido. Carratú trocou a Carrera na portería local, Espiñeira saltou á cancha para poñerse como central das locais e, sobre todo, os árbitros sinalaron dúas merecidas exclusións dun Bera Bera que soltaba o brazo en toda penetración local. Coa segunda, ademais, chegou a dobre inferioridade ó saír a porteira antes de tempo no seu troco. Pasouse do 6-8 o 9-8. No descanso foi un 11-11. 
Na segunda metade volveu a suceder o mellor inicio visitante, pero minguou antes. Durou cinco minutos e ós sete, xa estaba igualado de novo o partido. O Bera Bera, que chegou ata A Guarda con xogadoras lesionadas, baixou o ritmo porque os folgos comezaban a fallar e, para maior inconveniente, o xeonllo de Maialen Múgica tamén quebrou.
O equipo vasco, ante tanto incidente, comezou a racharse e o Guardés incrementou o ritmo para levarse o partido. Catro goles de renda a falta de dez minutos. Era o momento de gañar a liga tras gañar o partido. Pero non foi así por eses detalles do balón perdido, os pasos ou o rexeite non interceptado. A liña entre a felicidade ou o éxtase. Igual, entre ser campión ou non. O tempo dirá.

Mecalia Atlético Guardés:
Estela Carrera, Ana Cerqueira, Luciana Mendoza (2), Doiro (1), Inés Hernández (6), Rosa Álvarez, Sempere (7), Carratú (ps), Espiñeira (3), Kurchankova (2), Haridian (2), Rosario Urban (1), Fervenza, Onicas. 
Bera Bera: 
Temprano, Aramendía (3), Maitane Echeverria (6), Ederra (2), Uxue Ezkurdia (2), Ana Martínez (4), Alba Menéndez (1), Maialen Múgica (2), Sans (1), Zaldúa, Berasategui, Encina, Zugarrondo (ps.)
Parciales:
2-2, 3-5, 4-6, 5-7, 8-8, 11-11 (desc.), 12-13, 15-15, 17-16, 19-17, 22-19, 24-21. 
Árbitros:
Antonio Martín Franco e José Luis Fernández. Excluiron por dous minutos a Ines Hernández polo Guardés e a Sans, Menéndez e Temprano. 
Incidencias:
Partido correspondente á vixésimo segunda xornada na División de Honra feminina disputado en A Sangriña ante 950 espectadores. 

Te puede interesar