ciclismo

Facer o camiño da auga sobre unha bicicleta

Saída da Gran Bikedada dende o paseo das Avenidas en Vigo.
photo_camera Saída da Gran Bikedada dende o paseo das Avenidas en Vigo.

A Gran Bikedade reúne a 566 ciclistas, dos que 374 fixeron o percorrido entre Vigo e Eiras

O camiño entre Vigo e Eiras é o troco absoluto dende a Galicia da cidade, o mar e a navegación, ata o interior de montañas, ríos, vales, algunha vaca e, sobre todo, moita auga. Unhas semanas despois de falar de secas e trasvases, os participantes na Gran Bikedada fixeron o percorrido entre a cidade con máis poboación de Galicia e o embalse no concello de Fornelos de Montes a través dun percorrido longo e duro marcado, precisamente, polo auga. Aparece no camiño para formar lameiro, nos propios charcos, nas fontes e tamén na tubaxe que marca a senda e que é unha constante no trazado. 
Un total de 566 ciclistas entraron nas listaxes de clasificacións nunha proba non competitiva, pero na que se toman tempos. 374 participantes realizaron o percorrido longo de case 90 quilómetros con saída e chegada no Náutico de Vigo e un treito cronometrado dende Teis ata Eiras e regreso. Javier Alonso e Diego Barros asinaron o mesmo tempo con algo máis de tres horas. Terceiro foi David Monteagudo. Entre as mulleres, a corredora de Vilaboa Lucía Vázquez foi a máis rápida, por diante de Laura Rey e Silvia García. 
A pesar da súa dureza, a proba longa foi a que rexistrou unha maior participación. Despois as distancias de fondo e medio fondo estiveron preto de alcanzar o centenar de ciclistas. Na proba de 63 quilómetros, os máis rápidos foron Álvaro García e Mercedes Tienda, mentres que no medio fondo o mellor rexistro foi para Alfredo López e Pamela Pérez. 
Entre os datos curiosos da xornada, o +EnduroMtb foi o club con máis participantes e a AD A Forna o que presentou a máis mulleres. José Manuel León, de Puebla de Sanabria, é o ciclista que chegou dende unha localidade máis lonxana. 
Por outra banda, na listaxe de participantes atopábase o gañador do Tour en 2006, o mosense Óscar Pereiro, que completou o percorrido na metade do pelotón moi preto do seu amigo Xacob Agra, piloto de enduro. Foron algúns dos ciclistas entre os case seiscentos.

Te puede interesar