traiñeiras

"Eu son remeiro"

Suso Hermelo, piqueiro de Tirán, indica que "neste posto é no que máis desfrutas co mar picado".
photo_camera Suso Hermelo, piqueiro de Tirán, indica que "neste posto é no que máis desfrutas co mar picado".

Suso Hermelo regresou á traiñeira de Tirán ós 41 e confirma que "o ano que ven seguirei"

Probablemente un dos mellores remeiros galegos da historia. Soamente esta frase xa é dicir moito no mundo das traiñeiras. Jesús 'Suso' Hermelo regresou á proa de Tirán Pereira esta tempada porque "quería volver ó remo, e se me chaman da casa, vou para a casa". Un deportista que, ós seus 41 anos, recoñece que "teño tanta ilusión ou máis que cando era mozo". 
Toda unha vida dende o mar, traballa nas bateas, e tamén dende a proa das embarcacións porque ocupa, dende que recorda, o posto de piqueiro. Despois de tanto tempo, Suso Hermelo resume de xeito claro a súa filosofía de vida: "Son remeiro e despois pai de familia e un obreiro calquera. Se me preguntan profesión, eu digo que son remeiro. Non sei ata qué ano chegarei, pero sempre estarei neste deporte", explica o moañés e matiza que "o remo, non podo dicir que é a pedra central da miña vida porque teño unha familia, pero é un 49%. Cando era pequeno tiven un problema e cheguei ó remo. Non podo dicir que é o 50% porque a familia mátame, pero eu son persoa a partir do remo".
Dende aquel inicio xa pasaron moitos anos, pero alí reside o seu posto de piqueiro. O que axuda o patrón nas viradas, o que carece de compañeiro de bancada, o primeiro que sufre o bater do mar dende hai máis de vinte anos. "Empecei a vogar con 16 anos en Remedios (fusionado con San Juan para formar Tirán). Supoño que cando empecei metéronme alí porque era lixeiro. Gústame ser pica porque é onde máis desfrutas con mal tempo. Sofres moito cando o mar está bravo, pero é onde máis desfrutas. Para min, canto peor está é mellor", indica Suso Hermelo e engade que "se pasas medo non embarcas. Medo non pasei nunca. Teño sufrido lesións graves e no momento quedas fodido, porque queres remar, pero medo nunca. Cando máis mar de fondo eu desfruto. Rematas sangrando, doído, sen tanto desgaste físico, pero machacado. Prefiro iso que a calma".
Tomou a experiencia en Moaña e despois pasou por grandes clubes do Cantábrico sempre como piqueiro porque "cando colles experiencia é complicado que entre outro. Tes que ser bo e, despois, ter que ter experiencia. Eu tiven a oportunidade dende os dezaseis anos de cometer erros que agora non podes ter. Teño virado por estribor e feito as mil e unha, pero como daquela éramos un equipiño normaliño non pasada nada. Agora estando na elite non podes cometer estes erros".
Estivo no mellor Tirán Pereira de finais dos noventa que gañou campionatos de España, e tamén pasou por Astillero e Castro Urdiales a comezos de século. Unha época na que "non me podo queixar co que gañei. Sempre esperas algo máis, pero non estivo mal", indica un remeiro que conquistou a ACT ou a Bandeira da Concha, pero que, coma toda unha xeración, recoñece que "a miña máxima ilusión sería gañar unha Concha con Tirán. É a espiña que teño cravada. Estiven a punto nos noventa, con todo o novatos que éramos, quedamos a catro segundos dun monstro que era Orio de José Luis Korta. Éramos a novidade e, na Concha, se non tes experiencia é imposible. Foi a única espiña".
Do seu paso polo Cantábrico garda grandes recordos e tamén explica que "cando estás en Castro ou Astillero vas o máximo. Máis do que daba non podíamos dar. Saías do teu posto de traballo o venres o mediodía, malamente dicías ola e adeus, e sen comer tira para alá. Cinco horas e pico para chegar a adestrar as 8:00. Sacrificamos moito. A maioría non quedou na estrada de milagre. Por desgraza, algún quedou polo camiño, e case todos tivemos algún accidente de tráfico. Arriscábamos moito". 
Argumentos cos que o proeiro tira a conclusión de que "son bonitos os cartos, pero se non gusta... Se non van ben as cousas, ¿como o soportas? A un remeiro poden dicirlle: "Vas a ser titular e remar na Concha e igual gañar, pero retiro os cartos" e, probablemente, acceda. Os cartos, benvidos sexan, pero ti vas porque o levas no sangue. O nivel de sufrimento é tan grande que soamente con diñeiro é imposible".
Moitas experiencias que lle serven para asegurar a Suso Hermelo que "igual soa un pouco chulito, pero para min como o remeiro galego non existe ningún. Será como os emigrantes, que lle din, hai que ir a Australia, pois imos a Australia. Non temos medo. No País Vasco non se implican tanto", e engade que "se non teñen unha compensación, non gastan as vacacións, non se implican. Aquí, se aínda tes que pagar, vas igual. Somos un pouco tontos, pero somos así. Ós outros, tes que ofrecerlle moito e aínda así.... Teño falado con xente e chámante de tolo para arriba".
Suso Hermelo, que nos últimos anos adestra na canteira de Tirán, indica que "o vindeiro ano podo coincidir con varios remeiros que tiven eu" porque, cando aínda quedan as regatas deste fin de semana para rematar a tempada, "o vindeiro ano eu vou remar. Aínda non falei co club por se lle interesa que siga. Espero que sexa na ACT con Tirán, pero vou vogar, o teño claro", conclúe o proeiro.n

Te puede interesar