División de honra xuvenil

Entre a ledicia e a tristura

Un dos futbolistas do Celta xuvenil trata de superar ó visitante Mece nunha acción do partido de onte na Madroa.
photo_camera Un dos futbolistas do Celta xuvenil trata de superar ó visitante Mece nunha acción do partido de onte na Madroa.

O Celta xuvenil empata ante o líder, o Sporting, nun partido de bo fútbol, goles e alternativas

Día de néboa no campo da Madroa e tamén de alto nivel futbolístico na División de Honra xuvenil. Sobre o terreo de xogo estaban o equipo local, o Celta, e o líder da categoría, o Sporting de Gijón. Notouse dende o primeiro minuto de enfrontamento cos futbolistas motivados, un ritmo alto de xogo e certa presión na grada. Os locais, a catro puntos do seu rival, xogábase media tempada porque a derrota supoñía quedar demasiado lonxe da primeira posición. 
Coñecedores de esta circunstancia, os futbolistas de Jorge Cuesta plantáronse en campo contrario e mandaron no encontro dende o comezo ante un rival que, a pesar de defender e non amosar tanta calidade na elaboración como o seu rival, avisaba de cando en vez  que sobre o campo tiña a algúns dos mellores xogadores da categoría a nivel individual, con notables recursos técnicos. 
O Celta, ós poucos, virou cara a dereita porque por alí transitaba o sempre vertical extremo Álex Fernández, que encontrou un socio de honra no lateral Sergio e, ó cheirar a oportunidade, tamén deixaba caerse pola zona o interior Miguel. Tras varias chegadas sen rematador, chegou o primeiro tanto. Saída de balón dende campo propio que chega a Álex, encara, tira a parede co apoio do centro e desborda en velocidade para entrar no área e rematar cruzado e duro para facer o gol. Inapelable. A formación local atopaba un premio merecido a unha mellor tivo o segundo tanto nunha fermosa saída de novo pola autoestrada da banda dereita con finalización polo lado oposto, pero Martín non finalizou. 
Tanto mandaba no partido o Celta ante o líder que case todo o mundo na grada estaba a espera de que o Sporting comezara a argumentar a súa posición no máis alto da táboa. Fíxoo por medio de Morilla, que foi a principal causa, que non a única, pola que o Celta onte non gañou o partido. Marcou o empate a un tanto nunha xogada de futbolista notable. Recibiu no medio campo, deu a volta e fixo unha apertura de trinta metros cara a banda. Uns segundos despois, o mesmo xogador cabeceaba á rede o centro posto dende o costado. Fermosa transición.
A igualada chegou antes do descanso e despois do paso polos vestiarios volveu a aparecer o mediapunta. Nesta ocasión conduciu o balón unha trintena de metros para desbordar ata a posición de central e lateral. Alí foise algo longo o esférico, pero en vantaxe o balón quedou perfecto para a internada de Abraham, que encarou a Fran e marcou. 
O Celta padecía. Nun partido con moita néboa, pasaba a súa nube negra particular. Non obstante, os xogadores locais encontraron a forma de saír, a pesar de que Cuesta enviou a Álex Fernández da banda á posición de segundo dianteiro. Decisión de difícil comprensión. 
Chegou o empate nunha acción con relativamente pouco perigo. Un centro que vantaxe para o central, pero erra no despexe e Losada mete o pe con xeito ante a saída de Christian Joel. E foi nunha xogada con pouco perigo porque o Celta enviou un balón ó longueiro, tivo dúas faltas na frontal e varios remates claros dentro do área. Tivo a vitoria, pero errou.

Celta:
Fran, Sergio, Diego (Carlos, min. 85), Antón, José, Guille (Óscar, min. 62), Álex, Miguel, Marcos (David, min. 85), Martín (Álvarez, min. 46), Losada. 
Sporting de Gijón: 
Christian Joel, Guille, Pablo, Miguel, Juanma, Mece, Ferre (Abraham, min. 46), Iván (Sandoval, min. 83), Morilla, Toquero (Mateusz, min. 77), César. 
Goles:
1-0, min. 22: Álex; 1-1, min. 39: Morilla; 1-2, min. 62: Abraham; 2-2, min. 66: Losada. 
Árbitro:
Extremadura Hernández. Amonestou a Miguel polo Celta y a Guille e Miguel polo Sporting de Gijón. 
Incidencias:
Partido correspondente á vixésima xornada no grupo I de División de Honra xuvenil disputado na Madroa nun día de néboa. 

Te puede interesar