RUBÉN ALBÉS. Adestrador do Celta B

"É mellor un 2-0 que un 3-1"

Ó redor de 2.000 persoas acudiron ó campo de Barreiro para a promoción de ascenso a Segunda.
photo_camera Ó redor de 2.000 persoas acudiron ó campo de Barreiro para a promoción de ascenso a Segunda.

O preparador recoñeceu que tras os goles tentou minimizar o risco, pero que "durante quince minutos perdemos o control"

O Celta B xogou onte un partido notable no que anotou dous goles en menos de vinte minutos. Tivo opcións para facer máis, pero tamén pasou por momentos de mando do seu rival, o Marbella. 
Rubén Albés, adestrador do filial do Celta, explicou que "ir 2-0 despois de xogar na casa amplía as opcións de pasar a elminatoria. Estamos satisfeitos". O técnico matizou que "cando gañas 2-0, a prioridade e a intelixencia lévanos a manter a portería a cero e, en determinados momentos, renunciar a opcións ofensivas que poidan ter un maior risco. É mellor un 2-0 que un 3-1". Probablemente por este feito, a formación céltica deu un paso atrás, pero o técnico tamén admite que tivo importancia o realizado polo opoñente: "As dúas ocasións claras que tiveron foron a balón parado. En defensa estivemos correctos durante 60 minutos, defendendo onde queríamos, pero tivemos un treito no que non sairon as cousas. Pero tendo en conta que isto é un 'play-0ff' e que o rival tamén ten o seu mérito. Ter controlado 90 minutos un partido é moi complicado e máis contra un equipo como o Marbella".
Agora o técnico preparará o enfrontamento de volta dende o aspecto táctico, pero tamén no psicolóxico. Albés indicou que "o vestiario está contento. Pero tamén permanece tranquilo e non está a festexar nada porque queda un segundo partido. O Marbella foi o mellor local do grupo cuarto e, polo tanto, a dificultade da volta será grande e temos que preparar emocionalmente e futbolisticamente cousas para a volta. Espero unha afición rival que apoie moito. Atoparemos un clima de moita enerxía para eles". 
Pola súa banda, o adestrador visitante, Fernando Estévez, expresou que "un gol métenos na eliminatoria. O equipo está 'jodido' por perder o partido, pero coa esperanza de que tivemos ocasións para levar un mellor resultado e que na volta tamén podemos facelas e, neste caso, marcar". O técnico do equipo andaluz recalcou que a súa formación tivo claras opcións para marcar.n

Te puede interesar