TRAIÑEIRAS

Dous aspirantes e uns cativos

Samertolameu conta cun equipo de entidade baixo a batuta de Dani Pérez Fandiño.
photo_camera Samertolameu conta cun equipo de entidade baixo a batuta de Dani Pérez Fandiño.

Samertolameu e Coruxo buscan o título da Liga Galega cunha renovada Chapela, que loitará pola salvación

A Liga Galega vive a regata de presentación mañá no Grove e o domingo as traiñeiras chegan a Vigo para vogar na tradicional Bandeira Concello de Vigo, que organiza Coruxo nun fermoso campo de regatas nas inmediacións da Illa de Toralla. 
Será o primeiro episodio con puntos en xogo, que chega cedo na tempada porque é a única proba en xuño porque a semana seguinte non hai competición da Liga Galega. En todo caso, a traiñeira de Coruxo tentará iniciar o curso con forza porque tentar a vitoria na casa sempre é unha motivación especial para os seus deportistas.
Ademais, esta tempada Coruxo é un aspirante ó título tras a cuarta posición do pasado curso e os reforzos chegados en inverno. O experto Roberto Carlos Costas, procedente de Tirán Pereira, chegou para reforzar un equipo en crecemento que nos últimos anos deu un paso adiante para pasar de ser unha das traiñeiras máis lentas de Galicia a un dos botes de referencia. En 2016 xa sumou dúas vitorias e este ano busca dar un paso máis.
Non obstante, o principal candidato ó título da Liga Galega e ó ascenso a Liga ACT é Samertolameu de Meira. Tras varios proxectos sen os resultados previstos, a directiva de Lisardo Pérez acadou a chegada como adestrador de Dani Pérez Fandiño, que ten no seu palmarés vitorias na ACT con Tirán Pereira. O técnico chega avalado por unha notable traxectoria na última década. Garante un eficaz traballo e dispón dun grupo de remeiros de notable calidade. Practicamente todos os compoñentes da "Terca" teñen pasado na máxima competición do mundo das traiñeiras e chegaron reforzos da man do propio Dani Pérez como Pablo Miranda. O proxecto de Samertolameu é ambicioso dende o técnico ós remeiros. Ten a obriga de loitar polo título e polo ascenso de categoría. 
Nun mundo distinto vive Chapela. A "Arealonga" completa esta tempada un proceso de renovación e de case supervivencia na primeira categoría do remo galego. Cunha ducia de remeiros da xeración dos noventa e ata sete con vinte anos ou menos, o club aposta por unha xeración que ven de dominar os bateis en idade xuvenil ós que engade outros canteiráns saídos do traballo de Marco Antonio Castelao coas categorías base. A isto é preciso engadir que varios remeiros de experiencia optaron este ano por cruzar a Ría de Vigo cara os botes moañeses. 
A misión de Chapela é evitar o descenso de categoría e asumir que a loita debe ser dura e constante. Algún dos expertos e o propio adestrador deben xestionar unha xeración de talento, pero que pode verse moi atrás. 
En todo caso, son especulacións nunha competición na que tamén compiten Puebla, Amegrove, Rianxo, Vilaxoán, Perillo, Bueu, Mecos e Castropol.

Te puede interesar