liga galega b

Día gris, regata sen sorpresas

A "San Pedro" de Cesantes realiza unha ceavoga na regata de onte ante o seu público.
photo_camera A "San Pedro" de Cesantes realiza unha ceavoga na regata de onte ante o seu público.

A néboa marcou a regata en Cesantes, onde Mecos gañou con apuros ante Castropol e Chapela consolidouse 

Nubes baixas, algo de choiva e o mar coma un prato. É dicir, a enseada de San Simón, que moitas veces depara regatas de vento e onda curta, onte ofreceu un escenario de forza pura e temperatura óptima para a práctica do remo. En definitiva, unha regata de potencia absoluta o que provocou, en gran medida, a ausencia de sorpresas. 
A embarcación local de Cesantes tiña como claro obxectivo gañar a manga e facelo co mellor tempo posible para poder mellorar o tempo dalgunha das embarcacións da quenda de honra. Dende a primeira pada situose por diante das súas rivais, aínda que atopou certa presión de Vila de Cangas no primeiro longo. Despois marchouse en solitario para cruzar a liña de chegada e esperar.
As noticias non serían boas para os remeiros de Jorge Hermida. Mantiveron a esperanza de gañar a Rianxo durante o primeiro longo pero, a continuación, o bote do Barbanza reaccionou para mellorar o tempo de paso da "San Pedro". Malas novas para a embarcación local, cuarta na clasificación xeral, que reduce a súa renda a un punto sobre Rianxo e, ademais, perde as opcións de loitar polo terceiro posto de Chapela.
A "Arealonga" realizou onte unha das súas mellores probas no que vai de tempada. Mantívose a sete segundos de Mecos Mondariz no ecuador da proba e entrou de xeito cómodo na terceira posición. Desta maneira, a embarcación adestrada por Marco Antonio Castelao consolídase nunha das prazas de promoción de ascenso.
A loita pola vitoria resultou a máis axustada de toda a tempada. O mar calmo favoreceu a Castropol, que durante toda a proba mantívose a unha distancia de dous segundos de Mecos Mondariz. As dúas tripulacións loitaron pola vitoria ata o derradeiro metros, pero non chegou a sorpresa. O bote grovense acadou a sexta vitoria do ano e continúa invicta. Onte por dous segundos.

Te puede interesar