liga act

Día de cruz para Tirán

A tripulación de Zierbena celebra a vitoria na Bandeira Concello de Ares.
photo_camera A tripulación de Zierbena celebra a vitoria na Bandeira Concello de Ares.

A "Mar do Con" foi undécima lastrada polo vento, que favoreceu a vitoria de Zierbena do vigués Zunzunegui dende a primera quenda

 Gañou Zierbena impulsada polo vento, ou mellor dito, pola súa ausencia na primeira quenda e a presencia con forza a partir da segunda. Nos días de verán, a costa galega ten como unha das súas características a brisa mariña que, en función de mareas e temperaturas, adoita comezar a soprar ó mediodía. Pode ser uns minutos antes ou uns despois, pero onte comezou de forma leve durante a primeira quenda da Bandeira Concello de Ares e xa era de máis de 20 quilómetros á hora cando vogaron as traiñeiras da seguinte manga. 
Foi o factor diferencial onte na Ría de Betanzos ó que se engadiu a progresiva baixada da marea coa súa corrente e que lastrou especialmente o cuarto carreiro, convertido nunha especie de burato negro na zona exterior do campo de regatas. Por alí tivo que vogar Tirán Pereira na quenda de honra e por alí marchou ata a penúltima posición. Tras a meritoria cuarta posición do sábado na Coruña, José Ángel Cambados 'Truco' optou por facer trocos, o que provocou certa perda de potencial do barco ó que se engadiu compartir manga cos mellores barcos da Euskolabel Liga e estar na peor rúa. Moitos condicionantes para a "Mar do Con", que descolgada dende o primeiro rego, remontou ó final para evitar pechar a regata. 
O día de regatas comezou con certa calma e coa irregular Zierbena de Zunzunegui na quenda inicial. O barco ten nivel de loitar polas primeiras posicións, pero padece certa irregularidade e está limitada polos cupos -mínimo de canteiráns que teñen que vogar de xeito obrigatorio-. Tras o mal resultado do día precedente, o adestrador vigués decatouse da posibilidade de sorpresa e montou o seu mellor barco. Vogaron con forza e convencemento dende o primeiro longo para establecer os tempos de referencia antes de que o venta cubrise toda a Ría de Betanzos. Cando remou Zierbena era lixeiro e non chegaba ás balizas exteriores. Cando saíu a segunda quenda, era forte e cubría tódolos recunchos do campo. 
A oportunidade tamén foi aproveitada por Cabo da Cruz para afastarse da penúltima braza, na que se afunde un pouco Ares. Queda tempada e padecementos.

Te puede interesar