segunda división b

De paus e árbitros

Carlos Pereira pisa o esférico nunha acción do partido de onte entre o Rápido de Bouzas e o Fuenlabrada.
photo_camera Carlos Pereira pisa o esférico nunha acción do partido de onte entre o Rápido de Bouzas e o Fuenlabrada.

O Rápido de Bouzas cae ante o Fuenlabrada, novo líder, tras facer un partido de gran nivel

De paus e árbitros. De xustizas e inxustizas, de fútbol e ocasións, de pouca lóxica e de mando local. O partido de onte entre o Rápido de Bouzas e o Fuenlabrada foi, probablemente, o que mellor xogou o equipo vigués no que vai de curso ante o seu público, pero rematou coa primeira derrota en Segunda B no Baltasar Pujales. Caer podería entrar nos prognósticos porque o Fuenlabrada é un claro candidato ó ascenso e o actual líder, pero perder tras mandar no partido e crear máis ocasións que o rival, era o que ninguén esperaba no Baltasar Pujales. 
Foi o que sucedeu onte sobre o céspede artificial do campo vigués. O habitual equipo defensivo, o Rápido, exerceu de creador, aínda que sen ser o Barcelona de Guardiola, e foi o Fuenlabrada, supostamente de maior calidade, o que apenas realizou combinacións. Cousas do fútbol. Por aparecer tamén tivo cota de protagonismo o colexiado Jaime Ruíz Álvarez e os seus asistentes. 
O primeiro tanto chegou pasado o cuarto de hora de partido. Nunha das primeiras aproximacións do equipo madrileño. Falta lateral ó primeiro pau, toca lixeiramente Rubén Sanz e pasa o esférico entre varios futbolistas ata que Brais Pereiro despexa no último momento. Para o porteiro, o balón non traspasou a liña, pero para asistente si e, polo tanto, foi gol. 
Tras o tanto chegaron minutos de pouco fútbol, pero o Rápido, a modiño, pasou a mandar no partido con varias ocasións, algunha delas tras combinar dende o seu propio cambio e, para que negalo, en case todas con protagonismo de Carlos Pereira, que unha semana máis, amosouse como o xogador diferente no Baltasar Pujales. 
A terceira ocasión chegou o gol. Foi un balón recollido polo propio Carlos Pereira no centro do campo. Saíu da presión de tres xogadores e puxo o pase longo para Anderson. O veloz dianteiro pisou área e encarou a Cata Díaz, ex do Getafe. O experto defensa deixou a perna e tocou lixeiramente o atacante que atopou a escusa para ir ó chan e o árbitro sinalou penalti. Foi ó límite, pero indicouno e Sielva fixo o empate. 
Na segunda metade volveu a ser a formación boucense a que tivo o mando do partido ante un Fuenlabrada que non atopaba a forma de chegar ó ataque no Baltasar Pujales de Bouzas. Chegou unha nova acción de Carlos Pereira con pase a Anderson e remate ó fondo da rede. Para o asistente, o dianteiro local estaba en fóra de xogo. A realidade foi diferente, pero asubiou ó colexiado, erro de partido. O oportunidade seguinte foi para o Fuenlabrada e rematou en gol con pase de Quero e disparo cruzado de Dioni entre as pernas do seu defensor. 
Volveu a aparecer Anderson para enviar de novo o balón o pau, tamén o enviou Carnero xa nos últimos minutos nun claro remate coa testa e foi o porteiro Pol o que atallou a última ocasión do Rápido nun saque de curruncho e remate claro de Pedro García. O equipo de Bouzas tivo máis ocasións que o rival e perdeu.

Rápido de Bouzas:
Brais Pereiro, Adrián, Roger Bonet, Cristian, Trigueros, Yago Pérez, Caba (David Álvarez, min. 72), Sielva, Diego Diz (Carnero, min. 65), Carlos Pereira (Pedro García, min. 80), Anderson. 
Fuenlabrada:
Pol, Dani Fernández, Fran García, Cata Díaz, Lozano, Luis Milla, Fraile (Portilla, min. 88), Candela, Rubén Sanz (Atienza, min. 69), Matheus (Quero, min. 56), Dioni. 
Goles:
0-1, min. 18: Rubén Sanz; 1-1, min. 43: Sielva; 1-2, min. 60: Dioni. 
Árbitro:
Jaime Ruíz Álvarez. Amosou cartón amarelo a Dioni, do Fuenlabrada. 
Incidencias:
Partido correspondente á décima xornada no grupo I de Segunda División B.

Te puede interesar