tour de austria

De Manzaneda a Austria

Delio Fernández estivo dúas semanas en Manzaneda concentrado en altitude para preparar con dedicación o Tour de Austria.
photo_camera Delio Fernández estivo dúas semanas en Manzaneda concentrado en altitude para preparar con dedicación o Tour de Austria.

Delio Fernández concentrouse dúas semanas en altitude para preparar o seu 'Tour'

Os focos do ciclismo mundial estarán dende o sábado en Düsseldorf, cidade de comezo do Tour de Francia, pero o particular 'Tour' de Delio Fernández é a 900 quilómetros, onde o domingo comeza a cita de Austria. 
"Austria é unha carreira importante para nós. É a carreira de KTM, que é o patrocinador das bicicletas. O ano pasado había dous ou tres World Tour e moitos Profesionais Continentais. Gañar non é doado, pero a perspectiva é diferente á Dauphiné. Alí había que deixarse ver e aquí as opcións de vitoria aumentan", indica o ciclista moañés do Delko Marseille. 
Para chegar á que é a súa cita principal da tempada en boas condicións, estivo as últimas dúas semanas en Manzaneda, concentrado en altitude. "A primeira foi para recuperar, que era o principal obxectivo. Na segunda xa tiña un propósito diferente para poder afinar o pouco que poida quedar. Non tiña moito tempo para facer unha concentración en altura de 21 días, que é o ideal. Entón, decidín Manzaneda porque é coñecido, os portos son longos e a altitude, sen ser moi elevada, é un pequeno estímulo, sobre todo para min que vivo ó nivel do mar", expresou. 
Sobre os puntos fortes da estación ourensá na que pasou estes días, indica que "tes a tranquilidade que existe porque soamente tes que adestrar e descansar. Despois evítase o exceso de calor porque nesta altitude a temperatura é boa. Nos adestramentos podía pasar algún pola zona do Barco e A Rúa, pero aquí non. Nesta zona vin a adestrar para facer días soltos, pero concentrado non".
No referente ós adestramentos específicos, Delio Fernández explicou que "en cifras globais, non fixen moitos, pero realicei moitas horas porque acumulo moitos metros de desnivel. Na última semana saironme 25 horas con tres días de máis de cinco horas. Nalgúns días xa fixen subidas de catorce quilómetros e se engades outros portos, xa sae moito desnivel acumulado. A idea era buscar ascensos de máis de media hora para traballar ben e aquí hai moitos. Incluso algúns dunha hora".
O corredor moañés explicou que "nesta ocasión subín Manzaneda todos os días. Non collín o coche nunca. Pola zona de Trives é unha subida longa, pero non é dura. Incluso para os días que non quero forzar, pódese facer ben".
A pesar de que en Austria terá duas grandes etapas de montaña, unha delas en Kitzbüheler Horn, con grandes pendentes, o moañés expresou que "non busquei grandes porcentaxes porque para buscar un ritmo non son adecuados. En adestramentos non é a mellor idea. Onte subín A Moeda, que é longo, de 14 quilómetros e xa faise duro. O que temos por aquí e moita variadade, con estradas secundarias e pouco tráfico."
A isto, o ciclista moañés engade que "eu adestro en solitario e sempre o desgaste é maior. Normalmente sempre vou tirando eu, pero aquí estiven so. A nivel de cabeza é esixente, pero ó cambiar de ruta estás entretido. O que si permite é adaptarme ben ó que preciso casa día".n
 

Te puede interesar