traiñeiras

Cunha mellora non chega

Urdaibai celebra a vitoria na Bandeira Donostiarra Kaiarriba celebrada en augas de San Sebastián.
photo_camera Urdaibai celebra a vitoria na Bandeira Donostiarra Kaiarriba celebrada en augas de San Sebastián.

Tirán Pereira aumentou o seu rendemento, pero repite última praza na vitoria de Urdaibai

Mellores sensacións, o barco navegou máis, os rivais estiveron máis cerca onte en San Sebastián, pero a "Mar do Con" volveu a ser última e afúndese un pouco máis na clasificación da Liga ACT. Benjamín Vázquez 'Benji' moveu remeiros e posicións para incrementar o rendemento no mar aberto de Donosti tras un fin de semana negro na Coruña onde estivo afastada dos seus predecesores. Os trocos deron resultados, pero o preparador aínda precisa unha marcha máis para saír da última posición da clasificación da ACT.
Onte, nunha regata de onda pequena, pero aproveitable, viviuse unha fermosa regata e, quizais, co bote moañés algo lastrado pola primeira rúa do campo de regatas da praia da Concha. A lenda conta que na zona do Aquarium sempre hai rebote do mar e isto afecta á nevagación. O certo é que a traiñeira do Morrazo mantivo un rendemento estable nunha proba na que comezou Kaiku na cabeza e chegou á primeira baliza con cinco segundos sobre San Juan e sete co dúo formado por Tirán Pereira e San Pedro. O curioso foi que o barco que tomou a ceavoga na última posición foi o que cruzou primeiro a liña de balizas ó rematar a competición. Adiantou a todos.
Por detrás, Tirán Pereira moveuse a tres, catro e cinco segundos de San Juan. Na terceira baliza entrou a catro. Por momentos, camiño do areal da Concha, chegou a estar a dous segundos e incluso unha onda ó entrar na baía á altura da Illa de Santa Clara serviu para igualar o bote de Pasaia. Pero foi unha situación artificial porque había unha onda de distancia entre ambos e cando a elevación do mar chegou á primeira rúa, San Juan volveu a meter distancia.
Tirán quedou a pouco, moi pouco dos seus rivais. Doce segundos coa cabeza de quenda, oito co gran rival de Kaiku e tres con San Juan. Existe a melloría, pero non chega. Se a "Mar do Con" é pechacancelas claro, tamén é líder absoluto Urdaibai. Onte, nova vitoria.n

Te puede interesar