Costa arriba, todos os veciños axudan

Un grupo afronta unha das baixadas da zona monumental de Baiona co chan de pedra.
photo_camera Un grupo afronta unha das baixadas da zona monumental de Baiona co chan de pedra.

A Andar e Correr de Baiona chegou á trixésimo terceira edición con 1.164 participantes na carreira principal con vitorias de Uxío Abuín e Carmela Cardama

A Carreira Pedestre Popular Andar e Correr é unha auténtica clásica para os corredores galegos. A de onte foi a trixésimo terceira edición, nos últimos anos cunha participación superior ó milleiro de persoas e tamén marcada por dúas compoñentes, unha variable e outra permanente: o calor e a costa arriba. Nesas condicións gañaron o triatleta Uxío Abuín -que suma a terceira vitoria en cinco anos- e a atleta viguesa Carmela Cardama. 
Por detrás dos máis rápidos, centos e centos de corredores que tentaban xestionar os quilómetros do mellor xeito posible. A saída, cos case 1.200 atletas incluso é algo estreita na ampla rúa Elduayen. Despois, comeza a estirarse o pelotón polos estreitos tobogáns do centro histórico da vila, onde os populares de zancada longa perden uns segundos debido ó tráfico. É onde comeza o desgaste antes do que fai a carreira de Baiona única, diferente e dura. 
Pasado o campo de Aral, no terceiro quilómetro, comeza unha subida longa por estradas estreitas entre casas de aldea e un abafante calor. Costa e descanso, costa e descanso, moitos deles por enriba do 10% de desnivel durante un pouco máis dun quilómetro que parece o inferno. Soamente os residentes, mangueira en man, arrefrían a carreira e ós corredores ou camiñantes que onte aproveitaban todo paso existente polas duchas improvisadas. O dito popular di que "costa abaixo, todos os santos axudan". En Baiona é "costa arriba, axudan os veciños". 
Aquí, precisamente neste treito, é onde toma verdadeiro significado o nome de "Andar e Correr" da proba de Baiona. Noutros lugares, camiñar é unha opción; entre as casas do Camiño do Pino Manso é unha necesidade. Para moitos, non existe elección. Xa por enriba do posto 250, dous de cada dez participantes tiñan que parar de trotar e camiñar. Ó alcanzar o treito os do posto mil -os menos fortes- xa non corre nin o gato da casa da tía Manola, que mira dende unha sombra o paso dos atletas. 
Despois chega un auga e os tramos chás e de longo descenso para recuperar ou gañar ritmo cara o último esforzo de dous quilómetros, ó lado do mar polo carril bici. Nalgúns momentos, o atleta dubida en observar onde pon os pés ou en agradecer o fermoso paisaxe de postal cun azul intenso no Atlántico e as Cíes ou o Parador de Baiona como fondo. Se ben, entre o esforzo acumulado e o abafante calor, chegar ó paso máis rápido posible xa é toda unha tarefa coa súa complicación. 
Todo este treito foi un auténtico paseo de gloria para o triatleta Uxío Abuín e a viguesa que estuda nos Estados Unidos Carmela Cardama. Tiñan a carreira completamente rachada dende os primeiros quilómetros e sabían que a vitoria estaba moi preto. Abuín, completamente en solitario ó ter dous minutos de renda, asinou un tempo de 30:40. Un rexistro notable nunha competición de enorme dureza. Antonio Liébanas aguantou a segunda posición e Daniel Pérez pechou o podio. Foi o máis rápido dun grupo de varios corredores que pasou agrupado o ecuador da proba, para desfacerse no segundo treito.
Entre as mulleres, a vitoria de Cardama tampouco atopou oposición. A tudense Leticia Fernández cruzou a meta na segunda praza e completou o podio Mónica Novoa. Por detrás, ducias e ducias de atletas ó seu ritmo ata ós 1.164 que cruzaron a liña de chagada. O último tardou unha hora máis que Abuín. Despois, algúns optaron por un máis que apetecible baño na praia da Concheira ou na de Ribeira. A mañá estaba para rematar cun mergullo.n  
 

Te puede interesar